As entradas teñen un prezo xeral de 5€ -2€ menores de 6 anos- e haberá que reservalas no 981 404 006 ou no correo turismo@moeche.gal.
Poñámonos en situación. Ano 1469… ou quizais 1470, as crónicas non se aclaran. O conde de Lemos, Pedro Álvarez de Osorio e a súa esposa Beatriz de Castro achéganse a Moeche para inaugurar o seu novo castelo… que non é novo, senón o vello reconstruído como castigo polos mesmos labregos que o derrubaran uns dous anos antes no escenario bélico da segunda Revolución Irmandiña. Trala inmisericorde represión da revolta, o nobre máis poderoso da Galicia daquel entón organiza canda a súa dona -e tía- unha grande festa de reestrea da fortaleza que esperan sexa recordada por sempre. Pero nada vai saír como eles pensan… E ata aquí podemos contar para non destripar a historia “O castelo non é para nós”, interpretada por Raquel G. Crespo e Yago Espasandín, que se representará entre os seus muros os días 15 e 29 de agosto. As entradas xa se poden ir reservando no 981 404 006 ou no correo turismo@moeche.gal. Teñen un prezo único de 5€ a xeral e de 2€ para menores de 6 anos.O teatro ambientado na historia do castelo de Moeche é xa un clásico do verán que este ano toma como referentes ao conde de Lemos, Pedro Álvarez de Osorio, e á súa primeira esposa, Beatriz de Castro, situándoos nunha ficticia reinauguración do edificio despois da guerra mantida polo campesiñado e a pequena fidalguía contra os abusos da nobreza terratenente, entre a que eles mesmos se contaban.
O único verídico na obra serán os nomes dos personaxes e o escenario do castelo, cuxa configuración arquitectónica actual é resultado da reconstrución promovida polo conde trala revolta.
Porén, salvo isto e os datos históricos contrastados que apuntalan o libreto, “O castelo non é para nós” é unha ficción preparada a tres bandas por Raquel G. Crespo, Susana Crespo e Yago Espasandín, con asesoramento neste caso do técnico municipal de Turismo, Ramón Carballeira.
O lugar e os episodios ocorridos nel hai seis séculos son a base para armar unha peza teatral de 45 minutos na que se entretecen feitos documentados cun argumento en clave de humor, co obxectivo de que o público asistente sexa ao mesmo tempo convidado na festa inaugural dos Lemos e testemuño das tribulacións de Don Pedro e Dona Beatriz.
“O castelo non é para nós” representarase este domingo 15 e o domingo 29 de agosto. Cada un deses días haberá dous pases, un ás 12.30h e outro ás 16.30h. É obrigatorio reservar entrada chamando polas mañás de luns a venres ao 981 404 006 ou enviando un correo a turismo@moeche.gal. As entradas teñen fixado un prezo xeral de 5€ -2€ menores de 6 anos- e haberá que retiralas na taquilla do castelo minutos antes de cada representación. Co billete de acceso tamén se pode aproveitar para visitar as distintas dependencias da fortaleza e o Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas.
OUTRAS CITAS PARA OS PRÓXIMOS DÍAS
Mércores 11 de agosto, 9 a 14.00h
Feira de Moeche
Tradicional feira dos días 11 e 23 que se celebra desde antigo en San Ramón, na que se pode atopar practicamente de todo: produto fresco e elaborado -hortalizas, chacinas, mel, queixos, etc.-, pero tamén roupa a bo prezo, ferramentas e gando. O evento ofrece unha oportunidade única para aprovisionarse de alimentos de proximidade e da máxima calidade, pero tamén de gozar dun ambiente auténtico e singular.
Sábado 14 de agosto, 21.30h
Cine ao aire libre: “Pérez 2, o ratiño dos teus soños”
Área recreativa de Soutogrande
Volve o cine ao aire libre na área recreativa de Soutogrande coa película familiar “Pérez 2, o ratiño dos teus soños”. Segunda entrega das aventuras de Pérez que, nesta ocasión, están protagonizadas por Lucas, un neno de oito anos que quere saber como fai o rato para cambiar dentes por moedas sen que ninguén o vexa. O filme proxéctase en Moeche dentro da programación da Rede Cultural financiada pola Deputación da Coruña.
As entradas poden reservarse no 981 404 006 ou en correo@moeche.gal.
Domingo 15 de agosto, 10.00 a 11.50h
Xeorruta por Mina Piquito
Santa Cruz (Punto de encontro diante do Concello de Moeche)
As xeorrutas deste verán organizadas polo Concello de Moeche dentro das accións de dinamización do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal métennos de novo, literalmente, no interior da Terra cunha visita ás galerías de Mina Piquito, en Santa Cruz, explotadas ata finais dos anos 60 para a extracción de cobre. A mina é un dos espeleotemas máis espectaculares do noroeste peninsular, caracterizado polas estalactitas e estalagmitas de ferro, xofre e cobre que enchen de cor os restos da actividade extractiva.
A ruta estará encabezada polo xeólogo Fran Canosa, quen conducirá o itinerario subterráneo en dous grupos, un entre as 10 e as 11.50h e outro de 12.10 a 14.00h. Só hai prazas dispoñibles na primeira quenda, que cumprirá reservar a través deste formulario en liña. A xeorruta está limitada a un máximo de 10 persoas por grupo (maiores de 11 anos) e ten un custe de 10€ que inclúe o seguro de accidentes. O pagamento hai que facelo, como moi tarde, con 48 horas de antelación (no formulario indícase o número de conta).