• UNICEF traballa para promover os dereitos da infancia e conseguir cambios reais nas vidas de millóns de nenos e nenas en calquera situación de emerxencia e crises humanitarias, con presenza en 190 países
• Co apoio da Xunta, Unicef vai distribuír alimentos e kits de hixiene entre os nenos de dúas escolas da parrquia de Junquito, en Distrito Capital, co obxectivo de atender a 872 nenos e nenas de 340 familias en situación de vulnerabilidade
A Xunta ven de activar o convenio asinado con UNICEF Comité Español para a posta en marcha dunha intervención alimentaria escolar en Venezuela, co obxectivo de atender a 872 nenos e nenas de 340 familias vulnerables da parroquia de Junquito, en Distrito Capital.
A Xunta investirá 60.000 euros para que as familias con fillos menores de idade escolarizados en dous centros de ensino da devandita parroquia reciban, polo menos, unha comida diaria. A distribución de bolsas de alimentos irá acompañada de kits de hixiene para favorecer prácticas saudables entre a poboación escolar e previr enfermidades.
Despois de seis anos consecutivos de contracción económica, a situación humanitaria en Venezuela continúa agravándose. A maiores das tensións políticas, sociais e institucionais, a pandemia da covid-19 deixou o descuberto a extrema vulnerabilidade dos nenos, nenas e adolescentes polo acceso limitado a bens e servizos esenciais, como alimentos, inmunización, medicina, tratamento médico, educación, auga e protección. O Panorama de Necesidades Humanitarias estima que aproximadamente 7 millóns de persoas, incluíndo 3,2 millóns de nenos e nenas, necesitan axuda humanitaria urxente.
Actualmente, un de cada tres venezolanos padece inseguridade alimentaria, o que converte esta crise na cuarta alimentaria máis grande do mundo. Os nenos e as mulleres embarazadas e lactantes, en particular os de grupos indíxenas e adolescentes, vense afectados de maneira desproporcionada pola inseguridade alimentaria.
O Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF) é a principal organización internacional que traballa para promover os dereitos da infancia e conseguir cambios reais nas vidas de millóns de nenos/as, en calquera situación de emerxencia e crises humanitarias, con presenza en 190 países.
A Xunta de Galicia ven colaborando dende hai anos con UNICEF Comité Español, tanto no financiamento de actuacións de acción humanitaria e de emerxencias, como de actuacións de cooperación no exterior. O importe das subvencións concedidas desde o 2012 ata o 2021, incluíndo este convenio, é de 1.085.259,45 euros.
O convenio que se vai activar, que se asinou por primeira vez neste ano 2021, ten como finalidade establecer o marco de colaboración entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia e a entidade Fundación UNICEF Comité Español para a execución de actuacións e proxectos en materia de acción humanitaria e de emerxencia, en países con poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, co fin de paliar o sufrimento das poboacións afectadas e de calquera outras accións en beneficio destas poboacións. Ten unha dotación de 100.000 €.