Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño e a Oficina Agraria Comarcal colaboran organizando catro cursos sobre o sector primario


A Casa da Cultura de San Sadurniño acollerá durante os meses de setembro e outubro catro cursos organizados pola Oficina Agraria Comarcal de Ferrol dirixidos preferentemente a persoas vinculadas ao sector primario ou mocidade que queira emprender na actividade agrogandeira. Os temas que se tratarán son a gandaría de ovino e cabrún, a avicultura artesanal, a agricultura ecolóxica e a micoloxía. Para cada unha destas accións formativas ofértanse 20 prazas gratuítas. As preinscricións deben facerse cubrindo esta folla, que despois se poderá rexistrar no Concello ou ben directamente na oficina dependente de Medio Rural.

Iniciación e mellora da gandaría de ovino e cabrún (6 a 10 de setembro, de 9.00 a 14.00h). A acción formativa sobre a gandaría de ovino e cabrún desenvolverase ao longo de cinco días tocando os principais aspectos dunha actividade con grandes posibilidades de aproveitamento cárnico e leiteiro, pero tamén como ferramenta de prevención dos incendios. Este curso é, xunto co de avicultura, o máis extenso en duración e en contido, posto que se tratará practicamente de todo: a situación do sector, as aptitudes para leite ou carne de cada raza, o manexo e a reprodución, sistemas de crianza, instalacións, protección contra ataques do lobo, axudas… etc. O último día do curso, impartido por persoal de OVICA, as participantes achegaranse tamén a unha gandaría profesional. O último día de inscrición é o 26 de agosto.

Introdución á avicultura artesanal (7 a 10 de outubro, de 10.00 a 13.00h e de 16.00 a 18.00h). Outra actividade con moito futuro é a produción avícola de calidade en extensivo baseada en razas como a Galiña de Mos e nun sistema de crianza tradicional. A carne e máis os ovos obtidos desta maneira teñen unha alta demanda no mercado e con prezos superiores, pero para obter unha rendibilidade que compense a súa produción inferior é necesario facer unha plafinicación milimétrica optimizando unha alimentación de calidade, deseñando instalacións axeitadas e correctamente dimensionadas e mantendo o equilibrio entre o benestar animal e o seu potencial produtivo e reprodutivo. Destas e doutras cuestións falará Xosé María García, propietario dunha granxa artesanal en San Sadurniño. Este curso tamén inclúe unha visita a unha explotación avícola con envasadora de ovos situada en Castro de Ribeiras de Lea. Inscricións até o 14 de setembro.

Iniciación á agricultura ecolóxica (13 a 15 de outubro, de 15.30 a 20.30h). O curso de iniciación á agricultura ecolóxica dará unha visión xeral sobre a actividade en comparación coa agricultura convencional no relativo a técnicas de cultivo, producións por hectárea e calidades obtidas. Tamén se verán procedementos de fertilización e control de pragas e enfermidades. O curso finalizará coa visita a unha horta profesional certificada en ecolóxico. A Oficina Agraria Comarcal encomendoulle o desenvolvemento deste curso ao experto Yann Pouliquen. Haberá que inscribirse o día 14 de setembro como moi tarde.

Iniciación á micoloxía (22 e 23 de outubro, de 9.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30h). No caso da micoloxía o obxectivo é iniciar ás persoas participantes nos coñecementos básicos sobre a identificación e recolección de cogomelos de outono, e sobre aqueles que son susceptibles de ser cultivados en condicións controladas. Durante este curso farase unha saída ao monte e tamén se fará un obradoiro de cultivo de pleurotus ostreatus -shiitake ou seta ostra-, unha das máis doadas de producir e tamén unha das que teñen mellor saída no mercado. Ao remate tamén haberá unha demostración e degustación de pratos preparados con setas. O curso impartirao unha das persoas implicadas na asociación agroecolóxica A Estruga. O último día para apuntarse é o 8 de outubro.

No acceso a estes catro cursos terán prioridade aquelas persoas titulares de explotacións ou con vinculación co sector primario, ademais da mocidade que queira incorporarse á actividade agrogandeira. As accións formativas están organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria a través da Oficina Agraria Comarcal de Ferrol en colaboración co Concello de San Sadurniño e están financiadas nun 75% con Fondos FEADER.

Para facer a preinscrición hai que cubrir o correspondente formulario de solicitude -o modelo en distintos formatos pode descargarse algo máis abaixo- e despois rexistralo no Concello ou ben na Oficina Agraria Comarcal, situada no edificio da Xunta en Ferrol (Praza Camilo José Cela S/N, ao carón da Praza de España)

Axendas dos próximos días:

Xoves 12, 20.30h, Presentación de “La playa infinita” de Antonio Iturbe
Libraría Brétema, Avda. Marqués de Figueroa: https://goo.gl/maps/zh9kQZbyVaW8JwbQ7

Desde a Libraría Brétema fannos chegar esta cita, na que o escritor Antonio G. Iturbe presentará a súa última obra, “La playa infinita”, publicada por Seix Barral. O autor estará acompañado por Xavier Alcalá, autor do superventas galego “A nosa cinza”.

Antonio Iturbe asina esta obra trala exitosa “La bibliotecaria de Auschwitz”, coa que vendeu máis de 500.000 exemplares en distintas linguas, e “A cielo abierto”, premio Biblioteca Breve 2017. Nesta ocasión cambia de rexistro para bucear nos seus recordos de infancia e escribir unha novela cargada de nostalxia. Unha obra sobre o paso do tempo, un retrato da infancia, unha carta de amor á súa cidade adoptiva, Barcelona, e a un barrio, o da Barceloneta, que nunca volverá ser coma antes.

Venres 13, 20.00h, Á xunta da noite en Silvalonga
Ao pé da Capela de Santiago: https://goo.gl/maps/m2hsZwoXKCDMhKKb9
O programa de cultura segura Á xunta da noite prosegue o seu percorrido polas parroquias de San Sadurniño. Este venres achégase a Silvalonga, onde actuarán Circus Magníficus, Isabel Risco e a AC Berros do Castro. O evento está programado ao pé da capela do Santiago e, se chovese, instalaríase unha carpa.

Hai 100 localidades dispoñibles. Tamén haberá un posto para tomar a bo prezo unha consumición ou petiscar algo á hora da cea. Para asistir fai falla reserva previa chamando ao 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Domingo 15, 13.30-45h (horario aproximado), Actuación da Xove Banda de Narón en Naraío
Ao pé da igrexa parroquial: https://goo.gl/maps/Wp4EqHEWMD2rA3jg7
O Concello non renuncia a que en todas as parroquias, malia non haber festas, se manteña viva a tradición das “funcións” do patrón ou patroa, e por iso xa coordinou cos cregos que nos días das misas principais se complete a xornada coa actuación da Xove Banda de Narón, ofrecendo un pequeno concerto no adro de cada igrexa. A rolda musical para este domingo en Naraío con motivo do San Roque.

Ata o 31 de agosto, en horario de mañá: Exposición Pegadas dun pasado – As Escolas
Na galería da Casa do Concello
Esta semana tamén abriu ao público a exposición fotográfica colaborativa Pegadas dun pasado, coa que o Concello celebra o Día Internacional da Fotografía (19 de agosto). O tema elixido nesta segunda edición son as escolas e o ensino no municipio antes de 1973, data na que se inaugurou o colexio público que agrupou o alumnado da EXB saído das unitarias repartidas polas parroquias.

O Concello xuntou 50 fotografías que se mostran na galería do pazo até finais de mes. A inauguración está prevista para o próximo 19 de agosto ás 20.00h, momento en que se sortearán dous portátiles e dúas táblets entre as persoas que contribuíron á mostra.