― A resolución vén de ser publicada no Diario Oficial de Galicia e entra en vigor hoxe
― Este cambio normativo levanta no 85% das dársenas a restrición vixente desde 1972, primando a seguridade de usuarios e instalacións
― Na Zona Norte abriranse total ou parcialmente 20 portos, na Zona Centro 54 e na Zona Sur, 33 peiraos
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución que autoriza a pesca non profesional en superficie de xeito total ou parcialmente en 107 dos 122 peiraos de titularidade autonómica. Deste xeito a Xunta levanta no 85% das dársenas unha restrición que estaba vixente desde 1972 en todos os portos de acordo tanto coa lexislación estatal como galega.
A nova normativa clasifica os portos en tres niveis en función da posibilidade de acoller a pesca recreativa entre as súas actividades. Así, establece un total de 28 portos libres de toda limitación, 79 nos que se permite esta práctica condicionada por zonas ou horarios e 15 nos que non se pode realizar esta actividade por razóns de seguridade ou operatividade portuaria.
Os 28 portos que quedan libres de toda restrición son Rinlo (Ribadeo), Nois (Foz), Portocelo (Xove), Bares (Mañón), Espasante, O Seixo (Mugardos), Perbes, Mera, Santa Cruz, Santa Mariña de Ponteceso, Ézaro, Os Muíños (Muros), O Conchido (Outes), A Barquiña de Noia, Noia, Boa (Porto do Son), Ameixido (Ribeira), Insuela (Ribeira), Ancados (Boiro), Taragoña (Rianxo), Rañó (Rianxo), San Miguel de Deiro (Vilanova de Arousa), As Sinas (Vilanova), Cabodeiro (A Illa de Arousa), Covelo (Poio), Santa Marta (Baiona), Oia e Goián (Tui).
En canto á imposibilidade de realizar esta práctica, segue vixente en 15 peiraos: Redes (Ares), San Pedro de Visma (A Coruña), Quenxe (Corcubión), Testal (Noia), Ribeira, Carril (Vilagarcía), O Xufre, Sanxenxo, Raxó, Beluso, As Corbaceiras (Pontevedra), Aldán, Moaña, Santa Cristina de Cobres e A Pasaxe (A Guarda).
Os restantes 79 portos permiten a pesca baixo condicións de zonas ou horarios. Por zonas administrativas, na Zona Norte a pesca recreativa estará permitida, libremente ou con condicións de zonas ou horarias, en Ribadeo, Rinlo, Foz, Nois, Burela, San Cibrao, Morás, Portocelo, Celeiro, Viveiro, O Vicedo, O Barqueiro, Bares (Mañón), Espasante, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Maniños-Barallobre, O Seixo e Mugardos.
Na Zona Centro autorízase total ou parcialmente en Ares, Pontedeume, Perbes, Miño, Betanzos, Sada, Lorbé, Mera, Santa Cruz, Suevos, Caión, Razo, Malpica, Barizo, Santa Mariña de Ponteceso, Corme, Laxe, Camelle, Arou, Santa Mariña de Camariñas, Camariñas, Muxía, O Sardiñeiro, Fisterra, Corcubión, Brens, Ézaro, O Pindo, Portocubelo, Muros, Os Muíños, Esteiro, O Freixo, A Barquiña de Outes, O Conchido, A Barquiña de Noia, Noia, Boa, Portosín, Porto do Son, Corrubedo, Aguiño, Castiñeiras, Ameixido, Insuela, Palmeira, A Pobra, Escarabote, Cabo de Cruz, Ancados, Bodión, Taragoña, Rianxo e Rañó.
Na Zona Sur pódese practicar a pesca non profesional en superficie en Pontecesures, Vilaxóan, Vilanova, As Sinas (Vilanova de Arousa), San Miguel de Deiro, Cabodeiro, O Campo (A Illa de Arousa), Tragove, San Tomé, A Toxa, O Grove, Meloxo, Pedras Negras, Portonovo, Covelo, Combarro, Campelo, Bueu, Aguete, Cangas, Meira, Domaio, San Adrián, Arcade, Cesantes, Canido, Panxón, Santa Marta, Baiona, Oia, A Guarda, Goián e Tui.
Esta clasificación é froito da análise pormenorizada das instalacións así como do debate e traballo coordinado con distintas entidades representativas do sector da pesca recreativa de Galicia. A relación dos portos poderá ser revisada puntualmente de ser preciso.
Entrada en vigor
A resolución que autoriza a pesca nas condicións citadas entra en vigor hoxe mesmo e os usuarios poden facer efectivo o seu permiso a través do procedemento correspondente en sede electrónica da Xunta de Galicia. O enlace ao procedemento e toda a información necesaria para a tramitación da autorización está dispoñible na páxina web de Portos de Galicia (www.portosdegalicia.gal). Así mesmo recóllense nesta web os planos detallados das zonas habilitadas para a pesca non profesional en superficie.
Unha vez tramitada a solicitude de autorización coa documentación requirida poderase iniciar a actividade sen esperar resolución expresa. A autorización solicitada terá vixencia dun ano caducando pasado este ou se vencese o seguro obrigatorio.
Entre os requisitos exixidos aos afeccionados figuran a inscrición na sede electrónica da Xunta, a obrigatoriedade de formalizar un seguro de responsabilidade civil e a sinatura dunha declaración responsable de cumprimento das obrigas exixidas. O non cumprimento destas indicacións ou as que poida aportar o persoal celador gardapeiraos será motivo de retirada da autorización.
Desde o ente público establécense todos estes condicionantes co obxectivo de primar a seguridade das persoas e as instalacións así como a actividade portuaria e a profesional, náutica, de pasaxe e servizos auxiliares, para os que se reserva o solo portuario. A posta en marcha desta iniciativa, que aporta seguridade aos afeccionados á pesca recreativa, é froito da demanda social sen esquecer a seguridade e o marcado carácter estratéxico do dominio público portuario.