O Goberno galego investiu no 2021 máis de 300.000 euros para sufragar os gastos de 29 prazas concertadas do Centro de día de Cogami, onde se traballa con persoas con discapacidade física
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe o centro da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) para facer entrega dun vehículo adaptado financiado pola Xunta de Galicia a través da orde da liña de axudas do 0,7 do IRPF. O Goberno galego achegou máis de 82.000 euros para a adquisición de dous vehículos adaptados, un para o centro de Rebullón, en Mos, e outro que se entregará máis adiante ao centro de Monteporreiro, en Pontevedra.
Estas adxudicacións permitirán á entidade facilitar o transporte dos usuarios con dificultades desde e ata a o centro, onde se celebran distintas actividades.
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade tras facer entrega do vehículo, aproveitou para percorrer as instalacións e coñecer os diferentes programas postos en marcha por esta entidade coa axuda da Xunta de Galicia. Programas como o de atención especializada, ou o de autonomía persoal, ou o de lecer, cultura e deportes inclusivos, entre outras propostas, e que están financiados a través da liña de axudas do 0,7% do IRPF, a través da que se lles achega preto de 130.000 euros.
Ademais desta axudas, a Xunta de Galicia investiu en 2021 máis de 300.000 euros para sufragar os gastos das 29 prazas concertadas no centro de día de Rebullón, pertencente á entidade e onde se traballa con persoas con discapacidade física.
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade puxo en valor o labor e o esforzo levado a cabo por estas entidades dedicadas a facilitar a vida e mellorar o benestar das persoas que máis o precisan.