Poderán participar todos os obradoiros artesáns de Compostela adheridos á marca Artesanía de Galicia e, por primeira vez, os estudantes de disciplinas artísticas regradas impartidas nos centros da cidade
O Concello de Santiago convocará proximamente os Premios ao Comercio Compostelán 2015 co afán de recoñecer o esforzo dos comerciantes e o seu importante labor tanto a nivel social coma económico.
Partindo de que temos un comercio de cine, búscase o “Óscar” que premie os nosos comerciantes máis destacados, polo que un ano máis, convócase tamén un concurso entre os artesáns composteláns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Galicia e os alumnos de ensinanzas regradas no ámbito artístico para a creación das pezas que sirvan de galardóns a estes premios.
O obxecto do concurso é a creación dunha obra inédita que será empregada como peza conmemorativa no acto de entrega dos premios do Comercio Compostelán 2015 o día 8 de abril de 2015 no Pazo de Raxoi.
Poderán participar todos os obradoiros artesáns de Compostela adheridos á marca Artesanía de Galicia e os alumnos que estean cursando formación regrada nalgunha das ensinanzas artísticas impartidas en centros composteláns. Cada participante poderá presentar ata un máximo de dous deseños.
O tema é libre así como as técnicas, materiais ou estilos empregados na obra. No caso de utilizar imaxes, elementos ou obras doutros autores, o participante será o responsable único de calquera incidente que por estes motivos se puidera producir. Para participar achegarase cuberto o boletín de inscrición dispoñible na páxina web www.santiagocomerciodecine.com.
Os traballos ou bosquexos dos mesmos poderanse presentar de forma dixital (en formato PDF) no enderezo de correo comercio@santiagodecompostela.org, mostrando as diferentes vistas da peza e indicando no asunto “Concurso Peza de Artesanía”. Ou tamén en maqueta física. En todos os casos, deberán achegar ao traballo os datos de contacto (nome e apelidos, enderezo, teléfono, correo electrónico e DNI) así como un informe técnico coas características principais do deseño (dimensións, materiais…) e o nome atribuído á peza. A data límite para inscribirse e achegar os distintos traballos ou bosquexos é o 4 de marzo de 2015.
O xurado estará formado por un representante do Concello de Santiago e das asociacións de comerciantes da cidade que valorarán a calidade de execución técnica da obra e o seu rematado, a claridade na presentación da proposta e a fidelidade na representación da esencia do premio. A resolución do xurado darase a coñecer o 9 de marzo.
O premio estará dotado con 1.500 euros (impostos engadidos). O gañador terá que entregar ao Concello de Santiago 6 pezas iguais do deseño premiado coas súas correspondentes embalaxes.