• A programación deste ano inclúe, ademais das clásicas demostracións do oficio, diversas exposicións, charlas, espectáculos, pasarrúas e un concerto a cargo de Guadi Galego.
• O evento realizarase seguindo todas as normativas sanitarias vixentes co obxectivo de reducir e previr novos contaxios por covid-19.
A tradición regresa a Buño un verán máis coa XXXVII edición da Mostra de Olería que se celebrará os días 12, 13, 14 e 15 de agosto. A programación deste ano inclúe, ademais das clásicas demostracións do oficio, diversas exposicións, charlas, coloquios, espectáculos, pasarrúas e un concerto a cargo de Guadi Galego.
Xoves 12 de agosto
Así, o festexo comezará oficialmente o xoves 12 de agosto cun pasarrúas da Asociación Cultural Malante ás 12:00 horas. Unha hora máis tarde realizarase a primeira demostración ao torno de Olería de Buño na Praza de Santa Xusta. Estas exhibicións repetiranse os catro días en horario de mañá e de tarde.
Pola tarde, ás 18:00 horas, a Asociación Visibles inaugurará a exposición ‘Sen elas non hai olería’. A partir das 19:00 horas, Malante amenizará a xornada cun pasarrúas. O mago Álex Louzao pechará o primeiro día da Mostra cun espectáculo para todos os públicos ás 20:00 horas.
Venres 13 de agosto
O día seguinte, venres 13 de agosto, arrancará a xornada de actividades co programa Radio Hit en directo ás 12:00 horas. A Asociación Malante estará a cargo dun pasarrúas previo á inauguración da Obra Colectiva Zoquiñas Vermellas. O evento comezará ás 12:30 horas na Praza do Cruceiro e contará con Ana Saavedra, presidenta da Asociación Mirabal.
Manuel Figueiras, ceramista de Muros, realizará unha exhibición de facetado ás 18:00 horas. Nesa franxa horaria, Media Ducia animará as rúas cunha actuación musical. A última actividade do día será unha degustación de viño de tinalla con Choiva Viños ás 20:30 horas. Para participar cómpre reservar praza no perfil de Facebook da Olería de Buño.
Sábado 14 de agosto
Xa entrando no fin de semana da Mostra, o sábado 14 de agosto comezará o movemento ás 10:00 horas coa Ruta da Olería a cargo de Volta Montana, nun percorrido que finalizará ás dúas da tarde. Namentres, as rúas contarán con animación grazas a Media Ducia ás 12 horas.
As persoas que se acheguen a Buño o sábado poderán participar nunha tarde de xogos tradicionais que dará comezo ás 17:00 e que finalizará ás 21:00 horas. Por outra banda, ás 18:00 horas a Asociación Visibles organiza a charla-coloquio ‘Alfarería e a muller’, mentres que ás 19:00 realizarase un obradoiro a cargo da Olería do Batán, de Baños de Molgas, Ourense. Media Ducia volverá a tocar nas rúas antes do peche da xornada, ás 20:00 horas.
Domingo 15 de agosto
O último día desta XXXVII Mostra de Olería contará coa actuación musical de Guadi Galego ás 14:00 horas. Para o concerto será necesario reservar asento enviando un correo a turismo@malpicadebergantinos.es indicando nome, número de teléfono e DNI.
Grupo Meigallo da ACD Carcaxía encargarase da derradeira actuación nesta edición da Mostra. Será ás 20:00 horas, unha hora antes do peche do evento.
Para este ano, o horario de apertura da Mostra e das casetas será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas os catro días. Haberá un número limitado de convites para aquelas compras de Olería de Buño nas casetas. Por outra banda, durante eses días permanecerá aberto o Espazo Zoquiñas Vermellas e haberá unha exposición permanente no Parque Luciano García-Alén.
Lembramos que todos os eventos están condicionados á normativa sanitaria vixente, que será de cumprimento obrigatorio. A organización do evento, na que se inclúe o Concello de Malpica, a Asociación Olería de Buño e a Deputación da Coruña, traballará conxuntamente co obxectivo de reducir ao máximo as posibilidades de contaxio por covid-19.