— Trátase da terceira convocatoria que se realiza deste programa de incentivos, con boa acollida entre as entidades locais, tal e como demostra o feito de esgotar o crédito dispoñible
— Na Reserva das Mariñas Coruñesas levaranse a cabo cinco actuacións en Cambre, Miño, Coirós, Paderne e Curtis que suman un orzamento de case 100.000 euros
— “Estamos a falar, nos tres anos que levamos con este programa, de algo máis de 1,5 millóns de euros para 71 proxectos”, subliña Ángeles Vázquez
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concede un total de 27 axudas a outros tantos concellos por un importe de case 600.000 euros para apoialos nas tarefas de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nas seis reservas da biosfera de Galicia.
A conselleira, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá en Cambre os resultados da terceira convocatoria deste programa de axudas, a de 2021, que mañá sairá publicada no Diario Oficial de Galicia. ”Sen dúbida, espertou interese entre os concellos, tal e como demostra o feito de esgotar o crédito dispoñible”, salientou, despois de manter unha reunión co alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e co alcalde de Abegondo e presidente da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso.
En definitiva, 27 administracións locais teñen o apoio do Goberno galego para a restauración de ecosistemas naturais ou eliminación de especies exóticas invasoras nas reservas galegas: Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Xurés-Gerês; Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; e As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Un total de seis ás que se pode sumar unha sétima, a da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, que previsiblemente obterá a declaración definitiva a finais deste verán.
A conselleira aproveitou a súa presenza en Cambre, un dos concellos beneficiados polas axudas, para lembrar que se trata dun dos 17 que conforman a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas, a primeira de España en canto ao número de habitantes e un espazo natural que abarca máis de 115.000 hectáreas.
Neste sentido, indicou que Cambre, que obtivo unha subvención de case 20.000 euros para un proxecto de conservación da fauna e flora, non foi o único municipio desta reserva en acceder a estas axudas, xa que outros catro tamén resultaron beneficiarios dunha subvención: Miño, para a mellora das condicións ecolóxicas, ambientais e paisaxísticas na senda do río Xarío; Coirós, para a mellora da ruta Ríos dos dous nomes, en Coirós; Paderne, para a creación e mellora dunha senda peonil; e Curtis, para unha campaña de concienciación e boas practicas ambientais. Así, nas Mariñas Coruñesas levaranse a cabo cinco proxectos que suman un orzamento de case 100.000 euros.
A conselleira destacou que os resultados desta convocatoria “incremente os logros xa obtidos nas dúas anteriores —2019 e 2020—, grazas as cales se levaron a cabo 44 proxectos cun investimento total de preto de 840.000 euros. “Estamos a falar, nos tres anos que levamos con este programa, de algo máis de 1,5 millóns de euros para 71 proxectos”, subliñou.
Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente lembrou que os concellos integrados nunha reserva da biosfera tamén poderá beneficiarse da partida de 6,4 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación.
Así, Galicia é a terceira comunidade que máis fondos obterá, grazas ao labor de intermediación da Xunta, que fixo unha petición expresa de incluír nese reparto á futura Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra.
Por último, Ángeles Vázquez recordou que a Xunta, en colaboración co Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida), está a conmemorar este ano cun ciclo de conferencias o 50 aniversario da creación do programa MaB (Man and the Biosphere), posto en marcha pola Unesco en 1971 co fin de harmonizar a relación entre as persoas e o medio ambiente.