Friday 22 de November de 2024

A Xunta colabora con Compostela Monumental para reactivar o turismo e o Xacobeo na cidade de Santiago


― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, presentou xunto co presidente da asociación, José Manuel Bello, as actuacións para mellorar a sede da entidade e para promocionar o comercio local no marco da colaboración entre a Xunta e a asociación

― Alfonso Rueda asegurou que a recuperación das peregrinacións nos últimos meses, con máis de 58.000 Compostelas no que vai de ano, era unha boa noticia para os comerciantes e pequenos empresarios do casco histórico

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, presentou esta mañá con José Manuel Bello, presidente da asociación de comerciantes e empresarios Compostela Monumental, as actuacións que se levarán a cabo no marco da colaboración entre a Xunta e a entidade para a reactivación do turismo e do comercio na cidade na que conflúen e rematan as rutas do Camiño de Santiago.

Ao abeiro desta colaboración, a Xunta destinará 55.000 euros a dúas actuacións en beneficio dos seus asociados. Por unha banda, coa mellora das instalacións que utiliza a entidade e que foron cedidas pola Xunta no ano 2013 e, por outra, cunha campaña de reactivación do comercio local en pleno Ano Santo.

Na sede da entidade, no casco histórico compostelán, realizaranse melloras para o acondicionamento da fachada e para a mellora da mobilidade. Ademais, a Xunta promocionará o dobre Ano Santo e colaborará na dinamización do comercio local co lanzamento de 50.000 bolsas de tea coa imaxe corporativa do Xacobeo e da propia asociación de comerciantes e empresarios.

Alfonso Rueda recordou que a Xunta estivo de lado dos sectores que máis sufriron as consecuencias da pandemia e que seguirá apoiando a aqueles que, como os pequenos comerciantes e empresarios de Santiago, padeceron directamente a caída do turismo e a ausencia de peregrinos. O vicepresidente primeiro, en todo caso, manifestou a súa confianza na reactivación do sector, do que dá boa conta a progresiva recuperación do fenómeno xacobeo, coa chegada a Santiago de máis de 58.000 camiñantes que recolleron a Compostela no que vai de ano.