As celebracións festivas continuarán este sábado en Riveira cunha ruta de tapas do Pequeno Entroido, promovida polo Centro Hostaleiro Aberto, a Asociación de Hosteleiros de Riveira, a Asociación de Empresarios e o Concello de Riveira.
Ata once bares participarán nesta acción na que todos os clientes terán a oportunidade entre as 12 e as 16 horas de saborear distintas receitas propias desta época: cocido, laconada, orellada… Ademais, os participantes recibirán unha careta de porco como agasallo.
Os locais participantes son: A Recoveira, Bulebar, Praza, A Caseira, Botter, Abuela Gloria, Nuevo Noruego, A Tu Gusto, Botavara, Otear e Castelao.
Felipe
Por outra parte, onte pola noite viviuse na cidade un enterro do Felipe multitudinario, que incluíu tamén como novidade a inhumación da súa viúva.
O acompañamento saíu ás 19.30 horas do palco de Pedra do Malecón, para desfilar polo Malecón, Concordia, Galicia, Canarias, Miguel Rodríguez Bautista, Mariño de Riveira, Praza do Concello, Rosalía de Castro, Galicia, Romero Ortiz, Manzanares e finalmente praza de Pontevedra, onde se procedeu a incinerar os restos mortais dos finados.
Estivo amenizado pola charanga O Santiaguiño.