Friday 22 de November de 2024

A Xunta financia con máis de 380.000 euros seis proxectos de acción humanitaria no exterior


— A resolución da convocatoria de axudas deste ano apoia iniciativas de seis organizacións non gubernamentais en Sudán do Sur, Níger, Uganda, Guinea Bissau, así como á poboación siria no Líbano

A Xunta destinará máis de 380.000 euros a financiar seis proxectos de acción humanitaria no exterior, tal e como se recolle na resolución da orde de subvencións deste ano da Dirección Xeral de Relacións Exteriores, que nesta ocasión vai destinada tanto a dar resposta á crise derivada da covid-19 como a crises doutra índole que se seguen producindo.

De feito, a orde adaptouse ao contexto xerado pola pandemia no marco da Estratexia de resposta á covid-19 da Cooperación Galega co obxectivo de dar resposta a crise sanitaria nos que países con sistemas de saúde e un contexto socioeconómico que non lles permite poñer freo ao avance do coronavirus.

As entidades beneficiarias desta orde son as organizacións non gubernamentais Médicos do Mundo, a Asemblea de Cooperación pola Paz, Farmamundi, a Fundación Entreculturas Fe e Alegría, a ONG Rescate Internacional e a Asociación AIDA, Axuda, Intercambio e Desenvolvemento.
Os proxectos subvencionados permitirán levar a cabo intervencións en Sudán do Sur, para o reforzo da prestación de servizos de atención médica, a través da mellora das infraestruturas básicas de saúde; ou en Níxer, mellorando o dereito a unha alimentación adecuada, un medio de vida digno e a resiliencia de mulleres refuxiadas, desprazadas, retornadas o en acollida. Ademais, a Xunta apoia dúas iniciativas en Uganda en apoio á poboación refuxiada no ámbito da saúde e unha en Líbano, prestando asistencia humanitaria e educación de emerxencia á poboación siria. Tamén en Guinea Bissau, se financiará no marco desta convocatoria de axudas a prestación da atención sanitaria á poboación vulnerable en resposta á crise sanitaria.
Enténdense por proxectos de acción humanitaria aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises, así como a previr e reforzar a capacidade de resposta cando se produzan estas situacións.

A orde de axudas enmárcase no Plan Anual 2021 para a Cooperación Galega, que conta cunha dotación de 7,4 millóns de euros para este ano, 801.400 euros máis que en 2020. Con este aumento do 12% no orzamento, a Xunta dá cumprimento ao compromiso cos axentes da cooperación ao desenvolvemento de garantir un incremento anual do investimento igual ou superior ao 11,4%, adquirido no marco do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021.
O Goberno galego mantén así o seu compromiso coa cooperación ao desenvolvemento para axudar aos colectivos máis vulnerables e tamén os máis afectados polo impacto da pandemia. Por iso, o Plan deste ano desenvolverase tomando como base a Estratexia de resposta á covid-19 da Cooperación Galega, que foi elaborada en colaboración cos axentes galegos de cooperación, co fin de adaptarse ao novo contexto da pandemia, de tal forma que os recursos e instrumentos da Cooperación Galega se orientasen á loita contra o coronavirus e a dar resposta ás persoas e colectivos máis vulnerables.