— Ángeles Vázquez lembra que esta nova superficie está incluída na segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais, que na actualidade está en fase de avaliación ambiental estratéxica
— O polígono pasará a ter máis de 1 millón de metros cadrados cos que dar resposta ás necesidades dos diferentes sectores
A Xunta de Galicia permitirá a ampliación do parque empresarial da Laracha en máis de 330.000 m2, co fin de ofrecer ás firmas interesadas solo no que asentarse para o desenvolvemento da súa actividade.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do alcalde, José Manuel López Varela, reuniuse hoxe con empresarios do polígono industrial, aos que lles trasladou que en virtude da segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, que impulsa o Instituto Galego da Vivenda e Solo, permitirase ampliar esta zona empresarial nun 40%.
Grazas ao traballo de planificación que realiza a Xunta con este instrumento, na actualidade en avaliación ambiental estratéxica, esta área de 825.249 m2 pasará a ter máis de 1 millón de metros cadrados, cos que dar resposta ás necesidades dos diferentes sectores.
A conselleira de Medio Ambiente indicou que esta non é a única medida para fomentar a implantación de empresas no parque da Laracha, pois o Consello da Xunta acaba de aprobar unha modificación do proxecto sectorial deste parque para facilitar a implantación de empresas, ao regular as alturas máximas das edificacións en determinadas ordenanzas e ao admitir e regular o usos de instalacións de enerxía renovable para o autoconsumo.
Esta modificación xa está inscrita no Rexistro de ordenación do territorio e planeamento urbanístico de Galicia e remitida ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación, o último trámite para que entre en vigor.
Así, Ángeles Vázquez destacou que este tipo de medidas benefician a implantación e expansión das empresas, que apostan por Galicia para o desenvolvemento da súa actividade, polo que sen dúbida son decisións moi positivas para o emprego, a economía e a fixación de poboación.
A conselleira destacou que o Goberno galego é a única administración pública que ofrece bonificacións de ata un 50% sobre o prezo en todo o solo empresarial da súa propiedade desde o ano 2015, uns incentivos que “son máis importantes neste momento tan difícil para os empresarios”, polo que invitou a todos os promotores públicos de solo empresarial “a sumarse á política de bonificacións da Xunta”.