O Pleno aprobou por unanimidade ampliar ata febreiro de 2022 a concesión da piscina municipal climatizada
O Pleno municipal de Brión reunido esta tarde en sesión extraordinaria aprobou un expediente de modificación de crédito por 81.923 euros para acometer dous proxectos de mellora viaria en catro aldeas de catro parroquias do municipio. O primeiro dos proxectos é o da mellora e ancheamento das estradas municipais ao seu paso polas aldeas do Cabo (Os Ánxeles) e A Graña (Cornanda), no que o Concello de Brión investirá 283.474,92 euros.
Trátase dun proxecto incluído no Plan Complementario do ano 2021 e o Pleno aprobou hoxe dotar de orzamento da partida correspondente á achega municipal: 34.268,07 euros. Así mesmo, o Concello de Brión investirá 47.655,25 euros de fondos propios na mellora de camiños en Ombre (Viceso) e Ardións (Luaña).
Piscina e festivos locais
Así mesmo, a sesión plenaria acordou fixar o xoves 26 de maio (Ascensión) e o martes 27 de setembro (Santa Minia) como festivos locais para o ano 2022. Finalmente, aprobouse a continuidade da actual empresa concesionaria da piscina municipal de Brión, cuxo contrato remata o vindeiro 15 de agosto e non é prorrogable.
O Concello de Brión, co respaldo da actual concesionaria (Aquafit), fará uso dunha das cláusulas do contrato asinado hai dez anos polo cal a empresa concesionaria poderá estar xestionando a piscina municipal mentres se decide se se saca de novo a concurso ou se o Concello asume a xestión directa da instalación, cun prazo límite de 6 meses. O alcalde, Pablo Lago, explica que “valoraremos a posibilidade de xestión directa das instalacións da piscina municipal”.