Saturday 23 de November de 2024

Quince empresas optan a adecuar o antigo matadoiro para crear o Viveiro de Empresas


Unha vez concluído o prazo de presentación de ofertas, son un total de quince as empresas aspirantes a executar as obras de acondicionamento do antigo matadoiro municipal co obxecto de crear na instalación un Viveiro de Empresas.

Cómpre lembrar que o o procedemento da licitación é aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación. O orzamento inicial da obra ascende a 385.000 euros e o prazo de execución de 8 meses.

A idea de crear este novo servizo nace coa vocación de axudar a que moitos emprendedores do noso contorno conten cunha infraestrutura axeitada para poder iniciar con expectativas a súa aventura empresarial, así como cun asesoramento adecuado da man da Cámara de Comercio de Santiago. Para isto, o Concello alcanzou sendos acordos de colaboración para que o 80% da obra sexa financiada pola Fundación Incyde e o 20% restante pola Deputación.

O proxecto técnico da actuación inclúe a demolición dunha serie de naves anexas que no seu día foron empregadas como garaxe e zona de espera do gando e que ocupan unha extensión duns 310 metros cadrados (o 40% do total). Tamén se efectuará o derrubo dunha parte que sobresae da fachada do edificio. En troques, crearase unha área de aparcamento e o entorno será urbanizado.

En canto á parte central do inmoble (que se corresponde coa antiga zona de despece) será convenientemente acondicionada e equipada cuha sala de reunións, 10 despachos de entre 10 e 15 metros cadrados, un vestíbulo/recepción/control e aseos, ademais de haber unha sala de reunións e outra de usos múltiples. Entre os materiais a utilizar figuran pavimento de linóneo e lamas de aluminio.

A superficie total construída será de 421 metros cadrados, dos cales 362 serán superficie útil.