— O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou hoxe nunha visita ao inmoble que co novo sistema de videoconferencia nesta sala de vistas dixitalizada, o edificio xudicial dispón de 3 equipos deste tipo, o que supón un uso máis eficiente
A Xunta destinou 30.000 euros para habilitar unha sala completamente dixitalizada nos xulgados de Betanzos, que xa está operativa e conta ademais cun sistema de videoconferencia integrado que se proxecta sobre unha pantalla e permite realizar gravacións xunto cos rexistros de son e vídeo.
Nunha visita hoxe ao inmoble, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, explicou que ao contar a nova sala cun sistema de videoconferencia xa integrado, os xulgados de Betanzos pasarán a ter 3 equipos de videoconferencia, o que permitirá liberar algún dos 2 aparellos móbiles actuais e levar a cabo un uso máis eficiente.
A nova sala dixital dispón de cámaras de alta definición robotizadas e con zoom para axustar os planos, un posto de control para o seguimento das sesións e da gravación das vistas, unha pantalla para visualizar os contidos e outras melloras como o sistema de videoconferencia.
O sistema complétase coa gravación de vistas con sinatura dixital eFidelius, que faculta a incorporación das gravacións dos xuízos ao expediente xudicial electrónico, xunto coa aplicación Séneca JC para que o persoal xudicial poida controlar os equipos e seleccionar os distintos escenarios predefinidos durante as declaracións, mostra de probas ou videoconferencias que se celebren na sala.
Galicia xa ten en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico grazas as medidas implantadas desde 2009 no proceso de dixitalización da xustiza a través do primeiro e o segundo Plan Senda da Xunta para dotar de novas tecnoloxías no ámbito xudicial na comunidade.
A finais do presente ano, o 85% das salas contarán con tecnoloxía dixital como é o caso desta en Betanzos e todas xa dispoñen con sinatura dixital para a gravacións de vistas. Ademais, a totalidade das sedes xudiciais de Galicia dispoñen de sistemas de videoconferencia, permitindo a participación remota nunha vista ou declaración en toda a Administración da Xustiza galega.
Por outra parte, Juan José Martín anunciou que desde comezo de xullo o decanato dos xulgados de Betanzos conta cun novo funcionario de reforzo do corpo de tramitación, de xeito que o seu cadro de persoal está integrado actualmente por 4 traballadores: 1 xestor, 1 tramitador e 2 auxilios xudiciais. Para adecuar o novo espazo destinado ao decanato derivado deste aumento de persoal, o Goberno galego destinou 5.000 euros na instalación de novo equipamento telemático dos postos de traballo e dun área de atención ao público. O decanato e a Fiscalía permutaron entre si os seus correspondentes espazos, dacordo coa Fiscalía, e esta mesma semana está previsto o traslado dos postos de traballo.