— A actuación forma parte do paquete de 24 obras de mellora en centros educativos da provincia da Coruña que se contratarán nos próximos meses por importe de case 12,7M€
— A Xunta está a realizar este verán 238 actuacións en colexios e institutos da provincia, por importe de 9,8M€
— A rehabilitación do CEIP Eusebio da Guarda inclúe intervencións no edificio principal, no aulario orientado ao mar e nos dous ximnasios
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou esta mañá a licitación, dentro deste mes, da obra de rehabilitación integral do colexio CEIP Eusebio da Guarda, por importe de máis de 1M€. Nunha visita ao centro coruñés, na que estivo acompañado polo delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, o titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que esta é unha das 24 actuacións de mellora que se van licitar antes de fin de ano nos colexios e institutos da provincia da Coruña. Estas obras, que se executarán na súa maior parte no 2022, suporán un investimento de case 12,7M€.
O conselleiro destacou, ademais, que a Xunta de Galicia está a realizar este verán un total de 238 actuacións de mellora en centros de ensino da provincia da Coruña, por importe de 9,8M€, das que 18 son obras de gran envergadura. Así mesmo, este verán remataranse ou recibiranse obras en nove centros da provincia iniciadas en 2020, cun investimento de máis de 4M€. Entre elas figura a nova Escola de Educación Infantil (EEI) de Coirós.
Melloras en aulario e ximnasios
A rehabilitación do CEIP Eusebio da Guarda incluirá actuacións no edificio principal, no máis antigo do centro, o que da á praza de Pontevedra. En concreto, restauraranse as fiestras de madeira rematando unha actuación xa feita parcialmente e cambiaranse os falsos teitos e a iluminación da planta alta. Así mesmo, acometeranse pequenas reparacións na fachada principal e na cuberta para atender a problemas puntuais e realizaranse pequenas reformas interiores na planta baixa que afectan fundamentalmente ao vestíbulo de entrada unificando espazos e mellorando o seu funcionamento.
Así mesmo, acondicionarase o aulario situado na parte posterior do edificio (orientada cara ao mar), con novas luminarias e falsos teitos, cambiando as fiestras e colocando illamento térmico polo exterior e unha nova cuberta.
Ademais, realizaranse traballos varios de reparacións nos ximnasios grande e pequeno, incluíndo a reforma da cuberta, cambio das fiestras e reparación e pintando dos paramentos exteriores.
Os traballos teñen un prazo de execución de cinco meses, polo que obxectivo é telos rematados ao remate do primeiro semestre de 2022.
Tal e como lembrou o conselleiro, estas actuacións están enmarcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que cun orzamento de 191M€ ata 2024 ten como obxectivo deseñar un modelo de colexios post-covid, con espazos máis amplos, máis saudables e máis sustentables desde o punto de vista medioambiental. “Fixamos con estas intervencións a arquitectura de presente e de futuro adecuada aos requerimentos e ás necesidades pedagóxicas”, sinalou Román Rodríguez.
“Este verán –engadiu– o sistema educativo sigue traballando con intensidade no que ten que ver coas obras de mellora. Estamos facendo máis de 550 obras, que supoñen mobiliza preto de 30M€ e crear aproximadamente 1400 postos de traballo”.