Sunday 24 de November de 2024

A secretaria xeral para o Deporte xa pensa en París 2024 e mantén unha reunión co equipo español de windsurf Iq-Foil días antes do Mundial


Tomás Vieito, vixente campión de España de windsurf IQ-Foil será unha das principais bazas galega para os vindeiros Xogos Olímpicos

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o Centro Galego de Vela onde se atopa concentrada a selección nacional de windsurf IQ-Foil de cara ao vindeiro mundial de Suíza que terá lugar do 16 ao 22 de agosto.

Alí, o mandatario galego viuse con Tomás Vieito, actual campión de España de windsurf IQ-Foil e unha das principais bazas galegas para París 2024, cando esta modalidade será olímpica. Lete Lasa subliñou que é “todo un orgullo” que un deportista galego “sexa o campión de España dunha modalidade tan de moda como o windsurf e que ademais, certifica a posición de Galicia como referente nacional e internacional dos deportes náuticos”.

Cómpre salientar que a Secretaría Xeral para o Deporte vén axudando a Tomás Vieito na adquisición de material e demais gastos xerados da súa actividade deportiva pola que debe desprazarse a distintos lugares do mundo para a realización das probas selectivas. Esta aposta da Xunta enmárcase no pulo aos deportes minoritarios e aos deportes urbanos que están a experimentar en Galicia un crecemento importante.