Impartidas no local social do Sanguiñal por Ebru Karaca e Dilara Güven, voluntarias turcas chegadas a Lousame a través do proxecto europeo “Actividades interxeracionais de voluntariado”
Un total de dezaseis nenos e nenas de Lousame, de entre 5 e 6 anos de idade, abriron hoxe a primeira quenda dos cursos gratuítos de actividades de tempo libre en inglés, ideado por Ebru Karaca e Dilara Güven, as dúas voluntarias turcas chegadas a través do proxecto europeo “Actividades interxeracionais de voluntariado”. Uns cursos que se organizan por primeira vez e que encheron as prazas dispoñibles nas tres quendas.
Unha iniciativa que comezou hoxe no local social do Sanguiñal (Tállara) en horario de 10:30 a 13:30 horas. A concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo; o concelleiro de Relacións Veciñais, José Antonio Ces, e o técnico de Voluntariado de Lousame, Xosé Manuel Outeiral, achegáronse ata o Sanguiñal para compartir parte da sesión. “É unha forma moi divertida de aprender e lembrar o inglés aprendido no colexio a través de xogos, música, manualidades e cancións. Unha iniciativa que temos que agradecer ás dúas voluntarias europeas”, sinala Silvia Agrafojo.
Esta quenda de 5 a 6 anos participará na iniciativa ata o vindeiro venres 6 de agosto. Despois chegarán outros 16 nenos e nenas de 7 a 9 anos (que estarán do 17 ao 20 de agosto) e remataremos cos 16 rapaces e rapazas de máis de 10 anos (do 24 ao 27 de agosto).