Monday 25 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño destina 40.000 euros ao programa de mantemento de pistas secundarias e adxudica noutros 213.000 a reparación de varias vías principais


Durante esta semana cóntase con rematar as obras do programa de rebacheos e limpeza de gabias que leva a cabo todos os anos o Concello de San Sadurniño reparando aquelas vías secundarias da rede municipal que requiren actuacións de conservación máis urxentes. Nos últimos días a empresa Saavedra y López estivo traballando nunha decena de pistas que nuns casos requiriron só o tapado puntual de fochancas mentres que noutros foi necesario cubrir con asfalto tramos completos. A este proxecto destínanse preto de 40.000 euros dos remanentes económicos cos que pechou o exercicio de 2020. Por outra banda, o consistorio acaba de adxudicar as obras correspondentes ás liñas do POS provincial e do Plan de camiños da AGADER, que superan os 213.000 euros.

Máis en detalle, as reparacións do plan de rebacheos desenvolvéronse nunha pista de 700 metros que enlaza A Fraguela coas Costeiras e noutra de case 400 que vai desde a Lamestra até o Outeiro, en Igrexafeita. Tamén se lle deu un tratamento superficial ao camiño que conecta Pedramaior coa Picheira -1.307 m- e en cuestión de días arranxarase o camiño público duns 125 metros que lle dá servizo a unha vivenda situada no lugar do Castelo, en Naraío.

Alén destas obras de substitución do firme e de limpeza das cunetas, no programa tamén se incluíu o tapado de baches en Sabanda, entre a Esperanza e a Pereira e da Lobeira á Golpilleira, en Santa Mariña, ademais de intervir na Laxe (Lamas) e na pista que vai desde Vilanova ata o límite con Moeche.

Aglomerados e máis asfaltados
Por outra banda, neste momento o Concello ten xa adxudicadas outras actuacións de maior calado en eixos interiores que soportan máis tráfico. En concreto son os aglomerados da Sanguiñeira á Torre (Bardaos) -que leva tamén unha senda peonil-, o da estrada entre a Golpilleira e Moimentos (Santa Mariña) e o pedazo que vai desde Lourido até Quintiá, en Naraío, co que se completará a conexión entre o Eirexado e o límite co concello da Capela. Nesta parroquia tamén se aglomerará a pista que baixa da Longra a Riolimpo (Naraío) e agárdase sacar a contratación a mediados deste mes o tramo que vai desde Riolimpo até o lugar do Castelo.

Estes proxectos de obras que arrancarán en breve suman un importe total de adxudicación lixeiramente superior aos 186.000 euros. Os de Naraío e Bardaos fináncianse con fondos provinciais, mentres que a reparación da Colpilleira a Moimentos conta coa axuda do Plan de camiños da AGADER.

Ademais tamén se prevé comezar proximamente co acondicionamento de varias pistas que o Concello agrupou nunha única licitación. Trátase da pavimentación dun tramo en Portolamas, outros dous nos lugares da Curuxa de San Sadurniño e Igrexafeita e unha actuación no Chao de San Cristovo. O prezo de adxudicación situouse nos 26.990 euros.