— A modalidade para eventos musicais, que distribúe 340.000 euros entre 19 citas, retómase este ano despois de que en 2020 fora substituída por outros apoios debido ás cancelacións pola pandemia
— Underfest e Festival Secreto de Vigo, Musgo de Ourense, Canteira Fest de Vilaboa, Vilablues de Noia e Festival dos Eidos no Courel incorpóranse por vez primeira á listaxe de encontros subvencionados
— Achéganse outros 200.000 euros a nove mostras de teatro e de danza, para as que a dotación se incrementa nun 5% respecto do ano pasado
A Xunta de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas a festivais de artes escénicas e de música, a través da que distribúe a súa dotación de 540.000 euros entre 28 eventos. En concreto, achéganse 340.000 euros ás 19 propostas subvencionadas na modalidade A para eventos musicais e 200.000 euros ás nove mostras escénicas adxudicatarias da modalidade B.
O Goberno galego reforzou en 2021 esta liña de apoio no marco do Plan autonómico de reactivación cultural, introducindo unha serie de modificacións nas bases para se adaptar á situación derivada da covid-19. Mantense así aposta polos principais festivais galegos, considerados estratéxicos nos seus respectivos ámbitos, diante dun contexto sanitario que continúa a condicionar a súa organización.
De feito, este ano retómase a convocatoria da modalidade dirixida a festivais de música despois de que en 2020 tivera que ser substituída por outras vías de apoio ao sector ante a maioritaria cancelación ou adaptación dos seus formatos habituais. Pola súa banda, a modalidade de artes escénicas, que si se convocou o ano pasado, experimenta un incremento orzamentario do 5% para situarse nos 200.000 euros.
Seis novas incorporacións musicais
No caso dos eventos musicais, a resolución de adxudicación publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) recolle seis citas que se incorporan por primeira vez a esta listaxe de beneficiarias: o Festival Underfest de Vigo con 14.552 euros, o Vilabues Noia Fest con 11.730 euros, o Festival dos Eidos en Folgoso do Courel con 8354 euros, o Musgo de Ourense con 2474 euros, o Canteira Fest de Vilaboa con 1741 euros e o Festival Secreto de Vigo con 1685 euros.
A dotación restante distribúese entre outros 13 festivais, como o Festival Sonrías Baixas (31.781 euros), que dá comezo hoxe mesmo en Bueu; PortAmérica en Caldas de Reis (31.7423 euros), Resurrection Fest Limited en Viveiro (30.903 euros), Atlantic Fest en Vilagarcía de Arousa (30.658 euros), Festival de La Luz en Boimorto (28.396 euros), Revenidas de Vilaxóan en Vilagarcía de Arousa (27.901 euros), Maré Músicas e Artes Atlánticas en Santiago de Compostela (23.661 euros), WOS Festival x Son Estrella Galicia tamén en Santiago (21.629 euros), Festival Sinsal Son Estrella Galicia na illa de San Simón en Redondela (21.402 euros), 17º Ribeira Sacra Festival en Chantada, Monforte de Lemos e Sober (20.927 euros), Vive Nigrán (19.149 euros), Melonafest de Santiago (8106 euros) e Morrasound Rock Fest de Moaña (3206 euros).
Reforzo de FEST Galicia
Ademais desta modalidade de axudas, os festivais de música galegos contan co programa de apoio e patrocinio da Xunta a través da marca FEST Galicia, que tamén se reforza este ano cun investimento de 500.000 euros, un 25% máis que en 2020, para os seus 13 festivais adheridos: Caudal Fest en Lugo e os xa mencionados Atlantic Fest, Festival de la Luz, Maré, PortAmérica, Resurrection, Revenidas, 17º Ribeira Sacra, Sinsal, SonRías Baixas, Vive Nigrán, Underfest e WOS.
En canto á modalidade B para encontros de artes escénicas, o festival de monólogos Singular de Narón, que celebrou a súa sexta edición o pasado mes de marzo, súmase este ano á relación de mostras subvencionadas, entre as que tamén se atopan o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo (42.119 euros), Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (40.373 euros), Festival Internacional Galicreques de Santiago (32.074 euros), Mostra de Teatro Galego de Cariño (21.335 euros), Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO, 20.386 euros), Festaclown de Vilagarcía de Arousa (15.380 euros), Festival Internacional de Títeres de Redondela (9.869 euros) e o Festival Corpo (a) Terra de Ourense (9.491, euros).