— Domínguez Lino explicou á presidenta, María Eugenia Limón, as distintas facetas de actividade da empresa, tendo en conta que “van máis alá da área industrial, levando a cabo un importante labor no ámbito educativo e sociolaboral”
— “A nosa prioridade é dotar á Comunidade galega das instalacións necesarias para que poida responder aos obxectivos europeos no ámbito da reciclaxe e avance cara a un desenvolvemento circular”, expuxo o máximo responsable de Sogama.
A presidenta da Deputación provincial de Huelva, María Eugenia Limón, e membros do seu equipo visitaron esta mañá o Complexo medioambiental de Sogama, en Cerceda, co obxectivo de comprobar de primeira man o seu labor e funcionamento, ademais de coñecer a súa traxectoria, evolución histórica e previsións de futuro; e, en definitiva, interesarse pola xestión dos residuos na Comunidade galega.
María Eugenia Limón foi recibida polo presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, e pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos.
A visita comezou cunha reunión, na que Domínguez Lino explicou as distintas facetas de actividade da empresa, tendo en conta que “van máis alá da área industrial, levando a cabo un importante labor no ámbito educativo e sociolaboral”.
Neste sentido, lembrou os numerosos programas pedagóxicos e campañas de concienciación promovidos por Sogama, da man da Xunta de Galicia, para reforzar a formación da cidadanía na xestión sostible dos residuos urbanos, así como a contribución da empresa á creación de riqueza e emprego, con 1.000 postos de traballo, entre directos e indirectos.
O presidente de Sogama tamén fixo especial fincapé no proceso de transformación loxística e de xestión dos últimos anos, posibilitado pola ampliación do Complexo cercedense ao incrementar a súa capacidade de tratamento nun 81%, pasando desde as 550.000 toneladas anuais a 1 millón. Así mesmo, incidiu na firme aposta de Sogama pola industria 4.0, permitíndolle recuperar, do lixo en masa, os materiais susceptibles de ser reciclados.
Detívose tamén en amosar os datos que acreditan as baixas emisións da planta termoeléctrica, grazas á incorporación de tecnoloxías de última xeración que garanten unha operativa absolutamente respectuosa co medio ambiente e a saúde.
E, igualmente, incidiu na plena compatibilidade e complementariedade de Sogama con outros sistemas de tratamento de residuos, poñendo como exemplo o programa de compostaxe doméstica que lidera esta entidade en Galicia e no marco do cal distribuíu, de forma gratuíta, máis de 17.000 composteiros entre 400 entidades, encargándose igualmente da formación dos cidadáns e a dotación de recursos didácticos e divulgativos.
Rede para a valorización da materia orgánica
Por outra banda, Domínguez Lino avanzou a configuración da rede de infraestruturas coa que se posibilitará que máis de 2,2 millóns de galegos teñan acceso á valorización da materia orgánica recollida selectivamente a través do quinto contedor, de cor marrón.
Á planta de biorresiduos que opera en Cerceda, sumaranse a de Vilanova de Arousa (Pontevedra), Cervo (Lugo) e Verín (Ourense), catro instalacións que estarán apoiadas por 13 plantas de transferencia nas que se habilitará unha tolva específica para o transvase do lixo orgánico.
Desta forma, axudarase aos concellos a que dean cumprimento á obrigatoriedade legal de implantar a recollida separada da fracción orgánica contida nos residuos urbanos antes do 31 de decembro de 2023.
“A nosa prioridade, como instrumento ao servizo da Xunta, é dotar a Galicia das instalacións necesarias para que a Comunidade responda, de forma efectiva e eficiente, aos obxectivos europeos no ámbito da reciclaxe e avance cara a un desenvolvemento circular”, concluíu o máximo responsable de Sogama.