Un total de dezaseis veciños e veciñas de Frades veñen de comezar un curso de cociña, que terá lugar todos os venres de febreiro e marzo no local social de Ponte Carreira, en horario de 16:30 a 19:30 horas. Durante as clases, os alumnos e alumnas aprenderán tanto conceptos teóricos (nocións básicas de manipulación de alimentos, de dietética e de nutrición) como principios básicos de cociña e de repostería.
Así, os veciños e veciñas de Frades aprenderán a elaborar pratos de carnes e aves, con peixes e mariscos, e con verduras e hortalizas; ao tempo que se introducirán na elaboración de doces tradicionais ou que aprenderán nocións básicas de conxelación e de produción de conservas.