Friday 22 de November de 2024

Fene, Ares, Cabanas e Mugardos preparan a oitava convocatoria do obradoiro dual de emprego Reinicia


Concello recoméndalles ás persoas interesadas en participar que actualicen no SPEG ou no Servizo Municipal de Orientación Laboral os códigos da súa demanda de emprego e formación para que coincidan cos das dúas accións que se van ofertar

O Concello de Fene volveu concorrer este ano -xunto con Ares, Mugardos e Cabanas- á convocatoria de axudas para o desenvolvemento do obradoiro de emprego dual Reinicia VIII, dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos. Se se confirma a axuda autonómica, os catro municipios acollerán nove meses de formación e prácticas remuneradas en dúas accións con 20 prazas dispoñibles: 10 sobre atención sociosanitaria a persoas no domicilio e 10 sobre actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. O Reinicia VIII non ten aberto de momento o prazo de inscrición, pero si é moi importante que as persoas interesadas teñan ao día a súa demanda no Servizo Público de Emprego de Galicia e, ademais, que estean anotadas cos códigos de referencia para estas dúas especialidades, que son o SSCS0108 no caso de atención sociosanitaria e o AGAR0309 para o obradoiro de conservación forestal. Para obter máis información pode contactarse coa Área de Formación e Emprego “Pancho Allegue” no 981 492 767 ou en orientacion.laboral@fene.gal.

Chegado o momento, os requisitos xerais para poder participar no obradoiro de emprego e integración laboral serán o de atoparse en situación de desemprego, ser maior de 18 anos e estar empadroado ou empadroada nalgún dos catro concellos promotores.

Tamén fará falla ter inscrición como demandante no SPEG, a quen se lle solicitará un listado de potenciais participantes que cumpran cos perfís aos que se dirixe a formación. Cando se confirme o desenvolvemento do programa, o Concello fará os chamamentos en base a ese listado e por iso é tan importante figurar na base de datos do servizo público de emprego en algún dos dous códigos coincidentes coas accións que se van impartir.

O Reinicia VIII está planeado con 20 prazas, a metade para Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio (fai falla ESO ou equivalente), con código SSCS0108, e a outra metade para o desempeño de Actividades Auxiliares en conservación e mellora de montes (só se esixirán estudos primarios), que se correspondería co código AGAR0309.

Desde a Área de Formación e Emprego “Pancho Allegue” lánzase a recomendación de que as persoas que queiran participar en calquera das dúas opcións comproben no Servizo Público de Emprego de Galicia que efectivamente teñen marcado o código que lles interesa e, en caso contrario, que aproveiten os próximos días para solicitalo.

O trámite pode facerse no propio SPEG ou, mellor aínda, solicitándolle cita previa á orientadora laboral de Fene no 981 492 767 ou en orientacion.laboral@fene.gal. Esta última opción é a que máis se aconsella, posto que desta maneira xa se poderá acceder a un itinerario personalizado de inserción. Tamén se poderá solicitar a participación a través da Oficina Virutal de Emprego de Galicia.

Quen accedan ao obradoiro de emprego recibirán capacitación teórica e práctica durante 9 meses para dous sectores con grandes perspectivas de inserción laboral. Ademais gozarán dun contrato de formación e aprendizaxe remunerado e dun período final de prácticas en empresas que finalizará coa obtención do correspondente certificado de profesionalidade.