Contará coas actuacións do grupo local Son de Gaita e Habelas Hainas
O campo do río de Ponte Ledesma acollerá este venres 6 de agosto, ás 22:00 horas, a quinta edición da Noite Velada. Esta iniciativa, organizada polo Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón, pretende aunar a tradición e a cultura envolta coa imaxe dunha ponte histórica que se alumeará coa luz das candeas e as teas.
Un ambiente máxico que será recreado a partir das 22:00 horas, se ben para garantir un acceso ordenado e gradual abrirase o acceso a partir das 21:00 horas. A Noite Velada estará amenizada polas actuacións de Son de Gaita e Habelas Hainas. As persoas asistentes disporán de cadeiras debidamente separadas no campo do río para poder desfrutar do concerto.
A actividade é totalmente gratuíta e o aforo estará limitado, polo que as persoas que queiran asistir deberán inscribirse previamente para reservar praza chamando ao 981 513 061 ou enviando un correo electrónico a boqueixonturismo@gmail.com. Todas as persoas asistentes deberán cumprir obrigatoriamente coas medidas hixiénico sanitarias: levar máscara durante todo o evento, manter a distancia interpersoal dun mínimo de 1,5 metros e utilizar hidroxel para a hixiene de mans.
Dende o Concello de Boqueixón animan aos veciños e veciñas a participar nesta actividade dun xeito responsable. O lecer non ten por que ser incompatible co obrigado cumprimento dos protocolos de prevención contra a Covid-19.