A inscrición nas escolas deportivas poderá facerse a partir do 1 de setembro, mentres que os equipos de fútbol empezan esta mesma semana co traballo de pretemporada
Os departamentos de Deportes e Obras do Concello de Fene están levando a cabo distintas actuacións en varias instalacións municipais co obxectivo de telas listas para o arranque da nova temporada 2021-2022 que botará a andar tralo verán. Durante o mes de xullo acondicionouse o perímetro do campo dos Pinares, en Perlío, e tamén se reparou parte do muro do campo de Maniños. Ademais fíxose unha revisión xeral da maquinaria da piscina de Centieiras e preto de alí, na polideportiva cuberta, xa se colocaron dispositivos para aparcar bicicletas. Os traballos continuarán durante os meses de agosto e setembro
Entre os labores previstos para as próximas semanas encóntrase a roza e preparación da parcela de Perlio cedida ao antigo Club de automodelismo Axiña para adestrar e organizar competicións. A entidade comunicoulle ao Concello o cesamento da súa actividade, razón pola que o consistorio volverá asumir a xestión da parcela, para a que se están estudando novos usos relacionados co lecer ao aire libre.
As accións de mantemento que xa están rematadas ocupáronse, en primeiro lugar, da retirada de maleza nos arredores do campo dos Pinares, en Perlío, así como da poda do arborado lindeiro co seu peche perimetral, mentres que no caso do campo de Maniños foi necesario reparar un tramo de muro que ameazaba con derrubarse sobre un dos banquiños debido á acción paseniña das raíces de varias árbores plantadas pola parte exterior.
Ambas canchas están listas desde hai uns días para acoller os adestramentos de pretemporada que empezan esta mesma semana.
Na piscina de Centieiras, por outra banda, o Concello substituíu todas as válvulas da sala de máquinas e proseguirá durante agosto con outros traballos de mantemento preventivo que a deixen a punto para reabrir ao público o próximo 1 de setembro para baños libres, mentres que as escolas de natación se reanudarán -se a situación sanitaria o permite- a primeiros de outubro.
En setembro tamén volve abrir o pavillón da Xunqueira para acoller os adestramentos dos equipos locais que tramitaron recentemente a reserva das instalacións. Nese momento tamén se iniciará o prazo de inscrición nas escolas deportivas que, se todo vai sobre o previsto, comezarán ao longo da primeira semana de outubro, ao igual que a actividade no pavillón do Ramo, en Barallobre.
Cómpre sinalar, por último, que o Concello instalou varios puntos de ancoraxe para bicicletas na polideportiva cuberta de Centieiras.