· Publicaranse todos os martes na páxina web ‘Ruta de los naufragios’ do Concello de Camariñas.
· O primeiro, que xa está publicado, trata sobre os naufraxios producidos polos submarinos alemáns na costa de Camariñas durante a Segunda Guerra Mundial.
A petición da área de Turismo do Concello de Camariñas o alumnado do obradoiro dual ‘Camiño ao emprego’, realizado conxuntamente cos concellos de Muxía e Vimianzo na especialidade de ‘Promoción turística local e información ao visitante’, comezou a elaborar unha serie de traballos sobre naufraxios en Camariñas e na Costa da Morte.
Cada alumno ou alumna do taller, ou por parellas, elaborarán un artigo que logo se publicará os martes semanalmente na web http://rutadelosnaufragios.com/ do Concello de Camariñas. Está previsto que se fagan en torno a 8 publicacións.
Todos estes traballos estarán centrados nos naufraxios que ocorreron na zona de Camariñas e tamén en toda a contorna da Costa da Morte. O procedemento de elaboración é o seguinte: o alumnado escolle o tema, investiga sobre el e despois elabora a súa publicación no formato que desexe.
O primeiro desta serie, ‘Naufraxios e sonos crebados’, xa está publicado (http://rutadelosnaufragios.com/?announcement=galego-naufraxios-e-sonos-crebados&lang=gl) e é obra de Mónica Carballo Sar, unha alumna de Muxía que centra o seu texto nos naufraxios producidos polos submarinos alemáns na costa de Camariñas. O Columbia, o Balto, o Forcadela, o Scatonia ou o Iris son algúns dos buques que aparecen reflectidos na publicación.
Mañá, martes 3 de agosto, publicarase o segundo artigo que tratará sobre o naufraxio da ilustre ‘Virxe da Barca’ de Muxía. Neste caso contarase a tradición dun xeito diferente, pensada como un naufraxio. Ademais, está en elaboración outro sobre o Beti Donosti e un audiovisual no que se pretende falar coa xente do mar de Camariñas para que, a través de entrevistas, conten as súas historias sobre naufraxios.