O Concello de Brión celebrará este domingo 22 de febreiro o seu tradicional Concurso de Disfraces de Entroido, que todos os anos pon o punto e final ás celebracións de Entroido na contorna. Un concurso no que xa están anotados máis de 500 persoas de toda a provincia e para o que o prazo de inscrición estará aberto ata mañá venres 20 de febreiro na Casa da Cultura de Brión ou no teléfono 981 50 99 08. O mesmo día do concurso non se admitirán inscricións.
A gran festa do Entroido brionés terá lugar na tarde do domingo 22 de febreiro e incluirá un desfile, un concurso e un baile de disfraces. O desfile comezará ás 16:30 horas dende a Carballeira de Santa Minia, lugar dende o que eses máis de cincocentos disfraces individuais, parellas, grupos, comparsas e carrozas se dirixirán camiño do pavillón polideportivo municipal. En caso de choiva, os participantes concentraranse directamente no polideportivo.
No pavillón celebrarase o concurso de disfraces. Ao remate do mesmo, o xurado premiará as mellores propostas do Entroido deste ano, que competirán en ata sete modalidades diferentes. O tempo de representación de cada grupo será de entre 4 e 5 minutos como máximo. De seguido, a orquestra “Passarela” amenizará un baile que se prolongará ata ben entrada a noite, durante o que se darán a coñecer os gañadores.