Friday 22 de November de 2024

Moeche adxudica varias obras de pavimentación por valor de 91.000 euros


As empresas Jose No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A e Excavaciones Saavedra y López S. L resultaron adxudicatarias dos contratos de pavimentación de vías, plan de rebacheo e limpeza de gabias aprobados estes días. A Xunta de Goberno adxudicou dous proxectos de pavimentación de vías. Por un lado, adxudicoulle a Jose No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A. a obra do Plan de mellora de camiños da AGADER , por importe de 43.560,00€. E con cargo aos remanentes incorporados recentemente , adxudicáronse as obras de Pavimentación de pistas en Abade e Labacengos (Xanfero e Sulleo) a Excavaciones Saavedra y López S. L, por 28.312,35 €. Así mesmo, contratóuselle a esta última empresa as obras de limpeza de gabias e, hai xa uns días, o Plan de mantemento e recacheo, a piques de rematar a día de hoxe.

A contratación das obras de pavimentación das pistas Canosa.-Xanfero en Abade, e de Sulleo, en Labacengos, foi aprobada en Xunta de Goberno por adxudicación directa mediante contrato menor a Excavaciones Saavedra y López S. L, por importe de 28.312,35 € (23.398,64 €.+ 4.913,71 € de IVE).

A primeira das actuacións abrangue 560 metros de lonxitude cun ancho medio de 3,5 metros, desde Canosa a Xanfero con prolongación ao núcleo de Xanfero e a Valdixe. A segunda obra deste proxecto, a pavimentación do camiño no lugar do Sulleo, supón 680 m de lonxitude cun ancho medio de 3,5 metros, con rega asfáltica e saburra.

Adxudicación do Plan marco de camiños municipais de AGADER e Concello

Unha vez avaliadas pola Mesa de Contratación todas as ofertas presentadas, a empresa Jose No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A. resultou adxudicataria do primeiro dos proxectos licitados que se corresponde co Plan de mellora de camiños municipais de AGADER e o Concello. O prezo de licitación era de 52.302.19 euros e adxudicouse en 43.560,00€ (36.000,00€ + IVE 7.560,00). Estas obras dará comezo nos próximos días co obxectivo de que se remate antes do fin do verán e permitira rematar o tramo que restaba sen aglomerar na pista As Barbelas a DP 4904. Contempla a mellora do pavimento cunha nova capa de aglomerado asfáltico no camiño entre a estrada DP-4904 e o cruce da poista Abade a Igrexa de Labacengos, cunha lonxitude total do treito de actuación de 1.350 m e un ancho medio do camiño de 5 m.

Contratación do plan de mellora e mantemento de vías e limpeza de cunetas

Por outro lado, están practicamente rematadas as tarefas do plan de mantemento e rebacheo de camiños, que foran contratadas a Excavaciones Saavedra y Lopez, S.L por importe de 13.976,59 € para distintas localizacións do concello.

Nos vindeiros días darán comezo os traballos de limpeza de gabias e novas canalizacións da man da mesma empresa. Este último contrato menor de limpeza de gabias e canalizacións apróbase por importe de 6.959,67 euros e comprende actuacións na Amosa, Gundiao , A Vila , Fonte da Santa, A Corveira, A Fraga, Casalousada a Portogonzalbo, pista Fonte do Maio e canalizacións en diferentes puntos do concello.