— O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na inauguración desta cita que se celebrará ata o 10 de agosto nos Xardís Méndez Núñez
— A cita forma parte do circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia que continuará por Viveiro, Foz e Monforte de Lemos nas vindeiras semanas
A Feira do Libro da Coruña celebra desde hoxe o seu 50 aniversario con máis de 110 sinaturas de escritores, tradutores e ilustradores que ata o vindeiro 10 de agosto pasarán polos stands dos Xardíns Méndez Núñez. A cita, inaugurada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e que contou co xornalista a escritor Luis Pousa como pregoeiro, forma parte do circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías para divulgar o libro e a lectura por toda a Comunidade.
Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade celebrou a longa traxectoria desta cita que este ano compre medio século de vida. “A implicación dos libreiros da cidade, das administracións e dos profesionais que participades ao longo destes días nesta feira é a clave para que hoxe celebremos estes 50 anos e para que a Feira do Libro da Coruña sexa hoxe unha das más importantes do circuíto”, sinalou. Anxo M. Lorenzo aproveitou tamén para facer un agradecemento especial polo esforzo feito este ano e o labor da Federación de Librarías de Galicia para ofrecer unha actividade á altura do sector editorial e que, ao tempo, sexa segura tanto para os profesionais como para os visitantes.
Do mesmo xeito, o secretario xeral de Cultura recordou que o sector cultural conta “co total apoio da Xunta de Galicia” e referiuse de xeito concreto ao eido do libro para sinalar que, a raíz da pandemia, o Goberno galego vén de reforzar a súa colaboración para mostrar o seu apoio firme no actual contexto sanitario. Así mesmo, aproveitou para facer un chamamento a toda a cidadanía para que, sexa cal sexa a súa motivación, aposten por “mercar libros, desfrutar da lectura e acudir a esta feira e ao resto de citas que terán lugar durante as vindeiras semanas para devolverlle ao sector o moito que fixeron por nós durante os meses de confinamento”.
A cita da Coruña é a novena parada do circuíto de Feiras do Libro de Galicia e a última que se celebra na provincia da Coruña. Esta nova edición, que conta co apoio da Xunta de Galicia, estará aberta ata o vindeiro martes 10 de agosto en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 18,00 a 22,00 horas, agás fines de semana e festivos que adiará o seu peche pola mañá ata ás 14,30 horas.
10% de desconto en todos os libros
Ao longo destas xornadas os asistentes poderán gozar dun 10% de desconto en todas as súas compras e, ademais, terán a oportunidade de levar os seus exemplares asinados por profesionais como Yolanda Castaño, Ledicia Costas, Miram Couceiro, Antonio Arturo Abad Prado, Carlos Negro, Antonio M. Fraga, Emma Pedreira, Paco Rivas, Xabier Paz, Xosé Iglesias, Esperanza Luz Mariño, Suso Lista, Luz Darriba, José María Paz Gago, Alfredo Conde, Arantza Portabales, Suso Bahamonde ou Pilar García Negro, entre outros, que presentarán os seus traballos e asinarán exemplares nos stands.
Así mesmo, contarán cun espazo propio as librarías Embora, Arenas, M. Molero – El arte de la perfección, Moito Conto, Lume, Nobel, Pedreira, Cortizas, Aenea, Santos Ochoa, Formatos, Couceiro Librerías, Berbirania Libros e Grolos, Xiada, Azeta, El Faro de los tres mundos, Ediciones del Viento, Alita Cómics, Hércules Ediciones, Editorial Galaxia, A Gata Tola, Editorial Planeta, Metrópolis Comics Coruña, Alvarellos Editora, Komic Librería e o Consorcio Editorial Galego.
Tras o seu paso por A Coruña, o circuíto das Feiras do Libro de Galicia 2021 continuará o seu percorrido por Viveiro, Foz e Monforte de Lemos. Ademais destas citas, o sector literario de Galicia tamén estará presente nas Feira Liber, en Madrid, e na Feira de Frankfurt, previstas para o vindeiro mes de outubro.