Friday 22 de November de 2024

O Goberno reforza na Feira do Libro o seu apoio ao sector libreiro da cidade


Borrego lembra o éxito dos bonos PRESCO e o compromiso da alcaldesa con novas medidas de apoio ao sector cultural

A Feira do Libro da Coruña constitúe unha das citas máis importantes do sector, no que participan 18 librarías e 8 editoriais

O pregoeiro, Luís Pousa, na voz da súa irmá, subliña a importancia dos cómics tradicionais no achegamento dos máis novos á lectura

O primeiro tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, inaugurou esta mañá a 50 edición da Feira do Libro nun acto en que María Pousa, irmá do xornalista Luis Pousa, leu o pregón no se nome, e na que se
retomarán as presentacións de libros e os contacontos. No acto interveu o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón M. Rodríguez, e contou coa presenza das e dos voceiros municipais e representantes das distintas administracións. Borrego sinalou que os libros volven á rúa para que os gocemos: “Temos dez días por diante para acudir a unha das nosas citas favoritas e estamos moi contentos porque nesta edición retomaremos as presentacións de libros e volveremos ofrecer contacontos para os máis pequenos”. Para o edil, é moi importante que se creen vínculos desde ben cativos coas historias faladas e escritas e por iso, “a dinamización desta feira é clave para tocar a ese público máis miúdo”.

O edil apuntou a importante presenza na feira de Pardo Bazán no ano do seu centenario e lembrou que desde “o Concello non deixaremos de lado á cultura.

Seguiremos apoiando aos seus creadores e ás librarías como espazos creativos e de liberdade”. Por iso, dixo, unha das iniciativas municipais que máis éxito obtivo de todas as incluídas no plan de rescate, PRESCO, foi precisamente a dos bonos culturais. Con eles, a veciñanza puido facerse con volumes por practicamente a metade de prezo e isto supuxo un soporte importantísimo para un sector que na
cidade é primordial.

A cultura, sinalou, é unha materia prioritaria para o Goberno de Inés Rey, que prepara novas axudas ao sector cultural e en concreto para o sector das librarías, peza fundamental para seguir fomentando o hábito da lectura. Por iso convidou a cidadanía a que pasee por a feira. “A feira das e dos coruñeses”.

Pola súa banda, no pregón, o xornalista coruñés, na voz da súa irmá, destacou a importancia dos cómics tradicionais como ferramenta para incentivar a lectura entre os máis novos e lembrou como aprendeu a ler nos xardíns, porque “quería saber que dicían aquelas letras que lle saían da boca ao tío Gilito, a Rompetechos e a Mortadelo e Filemón…”. Pousa tamén destacou que “todos os escritores que medran neste zoo de pedra de Méndez Núñez están moi vivos e aínda teñen moito que contar”.

FEIRA
No evento participan 18 librarías e 8 editoriais que desenvolverán máis de cen actividades nas que se seguirán estritas medidas de seguridade
Serán dez xornadas, nas que se darán cita as voces máis destacadas das nosas letras. Desde os coruñeses Manuel Rivas e Yolanda Castaño ata os pontevedreses Ledicia Costas e Manuel Jabois. O público lector poderá departir con todas e todos eles nun evento no que se seguirán de forma estrita as restricións marcadas polas autoridades sanitarias.