A Cámara Municipal de Valença entregou dita distinción nun acto solemne celebrado na festa local dedicada á memoria de San Teotonio o primeiro santo portugués
A Cámara Municipal de Valença entregou a Medalla ao Mérito do Municipio á S. A. de Xestión do Plan Xacobeo nun acto solemne celebrado en dita localidade fronteiriza que conmemora nesta xornada a súa festa local dedicada á memoria de San Teotonio o primeiro santo portugués.
A distinción foi acordada na reunión da Cámara do pasado día 28 de novembro recoñecendo a labor do Xacobeo que segundo afirmou “ten permitido proxectar o trazado valenciano do Camiño Portugués de Santiago”.
A medalla entregada polo Presidente da Cimara, Jorge Salgueiro Mendes, foi recollida polo director xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez.
Na súa quenda Rafael Sánchez agradeceu a sensibilidade da Cámara Municipal valenciana ao distinguir a unha institución galega testemuñando o compromiso de Valença por impulsar a cooperación transfronteiriza. O xerente do Xacobeo sinalou tamén a importancia estratéxica do Camiño portugués que con mais de 35.000 peregrinos acolleu no pasado 2014 a case o 17% dos peregrinos que chegaron a Compostela.
Así mesmo, Rafael Sánchez asegurou que a Xunta de Galicia segue apostando con forza no Camiño como elemento identitario e identificador de Galicia. Neste senso, o xerente do Xacobeo destacou a elaboración en curso do Plan Director do Camiño de Santiago que, segundo afirmou, “servirá para levar adiante unha axeitada planificación do Camiño cun horizonte cara o vindeiro Ano Santo 2021”.
A Sociedade Anónima do Xacobeo mantén o vínculo coa Cámara de Valença na investigación, promoción e dinamización das rutas xacobeas como un dos grandes referentes da localidade.