Monday 25 de November de 2024

Un centenar de nenos participa nos campamentos English Sport Camp de Carral


• Este verán, o Concello dobrou a súa aposta pola conciliación ampliando o horario do programa, co que os usuarios e usuarias poden entrar ás 8.00 e saír ás 16.0 horas.

Un centenar de nenos e nenas está a participar nos English Sport Camp, a 2ª quenda dos campamentos de verán de Carral. Este ano, o Concello introduciu importantes novidades co fin de mellorar a conciliación das familias: por unha banda, a ampliación do horario e, pola outra, a posibilidade de que os veciños e veciñas anoten aos nenos e nenas por semanas.

Estas actividades están levándose a cabo no recinto do CEIP Vicente Otero Valcárcel (pavillón do colexio, pista polideportiva, patio cuberto, etc.) e no local interxeracional co fin de favorecer o cumprimento das medidas covid-19. Antes de acceder ao recinto, os monitores e monitoras comproban a temperatura dos nenos e nenas que deberán, ademais, levar a máscara e lavar as mans. Durante a realización de cada unha das actividades, os rapaces e rapazas están divididos en grupos burbulla. A maiores, o Concello estableceu quendas nas saídas e entradas dos campamentos co fin de evitar aglomeracións.

A segunda quenda rematará o 6 de agosto, e dará paso aos campamentos sobre Medio Ambiente, que terán lugar entre o 9 de agosto e o 3 de setembro.