O concerto de Miriam Rodríguez previsto para este luns 3, aprázase até o 11 de agosto
As entradas adquiridas para este concerto serán válidas para a nova data
O concerto da cantante Miriam Rodríguez previsto para o luns 3 de agosto celebrarase o vindeiro 11 de agosto ás 22.00 horas como consecuencia do resultado positivo en Covid-19 da artista.
O Concello e as persoas representantes da artista decidiron conxuntamente retrasar uns días este concerto para garantir que a cantante poida estar nas mellores condicións para a súa actuación. O Concello desexa que a artista poida estar plenamente recuperada para a súa cita co público coruñés e agradece a Miriam Rodríguez a súa disposición para buscar outra data dentro das festas de María Pita.
As entradas reservadas para este concerto, dentro do programa das Festas de María Pita, serán válidas para a nova data sen necesidade de realizar ningún trámite adicional. En caso de non poder asistir na nova data non será preciso devolvelas nin cancelalas e ao igual que no resto dos espectáculos desde 15 minutos antes do inicio do concerto se poderá acceder sen entrada até completarse a capacidade. As portas para todos os concertos ábrense unha hora antes para que a xente poida acceder á zona habilitada.