A publicación deste prego na plataforma de contratación coincide coa clasificación da ribeirense Ana Peleteiro para a final de triplo salto dos Xogos Olímpicos acadando un novo récord galego ao aire libre (14,62 metros)
A Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación das obras de ampliación do Complexo Deportivo da Fieiteira: módulo cuberto de atletismo en Ribeira (A Coruña).
Segundo os pregos da licitación, as obras que se levarán a cabo serán a construción dun pavillón anexo para albergar unha zona de adestramento cuberta para atletismo, mediante un módulo que conta con pista de 5 rúas, zona de saltos, lanzamentos; espazos para ximnasio, sala de musculación e actividades de tecnificación para a práctica do taekwondo; construción de novos vestiarios, aseos e duchas e o seu equipamento; ademais das reformas de accesibilidade e acceso ao primeiro andar.
O prazo estimado de execución é de doce meses dende a comprobación do replanteo ainda que os licitadores poden ofertar a redución deste prazo ata dous meses. O orzamento base de licitación será de 900.000 euros.
Cómpre lembrar que o investimento total da obra é de máis dun millón de euros (1.039.982,53 euros) en virtude do convenio asinado entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Ribeira. En total, a Secretaría Xeral para o Deporte achegará a un total de 600.000 euros (500.000 euros na presente anualidade e 100.000 en 2022) mentres que o Concello de Ribeira contribuirá coa cantidade restante.
Cómpre salientar que a publicación deste prego na plataforma de contratación coincide coa clasificación da ribeirense Ana Peleteiro para a final de triplo salto dos Xogos Olímpicos acadando un novo récord galego ao aire libre (14,62 metros). Esta actuación recoñece tamén o traballo realizado por outros deportistas de Ribeira como o Natural Sport Videlgi ou o parataekwondista Álex Vidal.
A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.