Friday 22 de November de 2024

A consellería de Política Social destaca o traballo levado a cabo para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual


― O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe no Porriño as instalacións da Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual

― A Xunta de Galicia incrementou as axudas a esta entidade para o aumento de prazas concertadas no 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe o centro de día e do centro ocupacional da Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual (Aceesca), dedicada a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, onde traballan no fomento da súa autonomía. Alí, puxo en valor o traballo levado acabo nestes centros e agradeceu o esforzo realizado polos seus profesionais e usuarios nos últimos meses.

A Xunta de Galicia achega preto de 700.000 euros para sufragar as prazas e o servizo de transporte dos dous centros desta entidade, situados no concello do Porriño. Do total da axuda, máis de 35.000 euros foron destinados a incrementar as prazas públicas do centro de día, que grazas a este novo investimento ascenden a 36. O ocupacional, pola súa banda, mantén as 37 prazas que financia a Administración autonómica.

Ademais, a Administración Autonómica a través da liña de axudas do 0,7% do IRPF, financia o proxecto de Escola Profesional, que traballa na formación dos seus usuarios, con máis de 51.000 euros. O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade aproveitou a visita para percorrer as instalacións e coñecer aos seus usuarios.