— A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe a resolución pola que se informa das subvencións concedidas na segunda convocatoria
— Na actualidade, 176 entidades locais están a redactar un Pace, aos que se suman estes novos municipios, que xa poden iniciar os traballos
— Ángeles Vázquez lembra que só restan 42 concellos por adherirse ao Pacto das alcaldías, aos que convida a facelo para “defender entre todos o papel de Galicia como parte da solución ao cambio climático, non do problema”
A Xunta resolve hoxe a segunda convocatoria das axudas para a redacción de Plans de acción para o clima e a enerxía sustentables (Paces), grazas á cal se conceden 70 subvencións a outros tantos concellos por un importe global de 337.000 euros.
Nun acto na Cidade da Cultura cunha ducia de representantes municipais, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, -acompañada da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e en Ourense, Gabriel Alen- anunciou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución coa listaxe de concellos beneficiarios, que se suman ás 176 administracións locais que xa están a redactar un Pace. Destacou que nesta segunda convocatoria se atenderon o 100% das solicitudes.
Lembrou que un Plan de acción consiste na elaboración dun inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático; polo que coa axuda da Xunta os municipios poden a sufragar os traballos de asistencia técnica para a elaboración dos mesmos.
Así, Ángeles Vázquez destacou que con este paso –máis alá de cumprir cun dos compromisos de adhesión ao Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía- integran a loita fronte ao cambio climático como unha das variables que deben ter presente na definición das súas políticas, tanto para reducir as emisións e mellorar a eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.
A Xunta, oficina en Galicia
A conselleira de Medio Ambiente destacou que o Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía foi impulsado no ano 2008 ata converterse no maior movemento de carácter internacional para buscar sinerxías entre distintas administracións fronte ao cambio climático, cunha mención especial ao labor dos concellos pola súa relación directa cos cidadáns. De feito, na actualidade conta xa co respaldo dunhas 10.000 entidades locais de todo o mundo.
Nese sentido, a Xunta asumiu en 2017 o papel de coordinadora do movemento en Galicia na Comunidade, coa convicción de que os retos globais do cambio climático deben afrontarse desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa “pensar global, actuar local”.
“Na actualidade xa son 271 os concellos adheridos ao Pacto das alcaldías, cunha poboación de preto de 2,2 millóns de galegos”, sinalou a conselleira sobre unhas cifras que son “unha mostra da boa acollida” que está a ter o Pacto, sobre todo desde a posta en marcha da Oficina técnica de coordinación e asesoramento aos municipios.
Por último, indicou que “aínda queda marxe de mellora”, polo que convidou a sumarse a este reto aos 42 concellos que faltan, “para defender entre todos o papel de Galicia como parte da solución ao cambio climático, non do problema”, concluíu, convencida de que a proximidade á cidadanía que teñen os convérteos nunha peza clave para avanzar no proceso de transición enerxética que promove Europa.