Saturday 16 de November de 2024

Feijóo refírese aos empresarios galegos no exterior como “embaixadores privilexiados” do que é a comunidade e anímaos a seguir traballando para manter a marca Galicia


– Resalta que a Comunidade está a recuperar o ritmo exportador previo á pandemia, exportando 590 millóns de euros máis que hai dous anos

– Avanza que a Xunta ten preparada a Estratexia para seguir internacionalizando as empresas galegas; unha folla de ruta que chega ata o 2025 e que aposta pola dixitalización e a diversificación para acadar os 25.000 M€ anuais en exportacións

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe aos empresarios galegos no exterior como “embaixadores privilexiados do que é a Comunidade” e animounos a seguir traballando para manter a marca Galicia.

Durante a clausura do VII Encuentro Internacional de Empresarios Gallegos en el Mundo, Feijóo garantiu o compromiso da Xunta coas iniciativas de colaboración entre as distintas asociacións de empresarios galegos para facilitar que as empresas invistan na Comunidade, así como favorecer investimentos cruzados nos distintos países.

Ao longo da súa intervención, o presidente autonómico resaltou que a Comunidade está a recuperar o ritmo exportador previo a pandemia, exportando 590 millóns de euros máis que hai dous anos, destacando as exportacións do automóbil, o téxtil e os metais e as súas manufacturas.

Así mesmo, resaltou que a balanza comercial galega nos primeiros meses de 2021 é positiva en case 1.600 millóns de euros; “unha cifra que acredita que Galicia sabe traballar”, dixo, subliñando que a Xunta ten preparada a Estratexia para seguir internacionalizando as empresas galegas; unha folla de ruta que chega ata o 2025 e que aposta pola dixitalización e a diversificación para acadar os 25.000 millóns de euros anuais en exportacións.

Consciente de que o papel dos gobernos debe ser o de facilitar e dar estabilidade e seguridade, Feijóo aseverou que o Executivo galego seguirá apostando pola estabilidade e o control das contas públicas; “contamos con persoal cualificado e centros de coñecemento -tres universidades, 9 centros tecnolóxicos e 11.000 persoas investigando; estamos a apostar polas TIC, os vehículos aéreos non tripulados ou a biotectonoloxía; e temos presentado 355 proxectos aos fondos europeos Next Generation”.

Nesta mesma liña, referiuse tamén á Estratexia Retorna, con iniciativas como as Bolsas de excelencia xuventude exterior e con axudas ao retornado emprendedor, ofrecendo apoio para que as súas ideas se convertan en realidades empresariais en Galicia.

Feijóo concluíu destacando as traxectorias dos premiados Olegario Vázquez Raña, presidente do Grupo empresarial Ángeles, e Ignacio Rivera, CEO de Estrella Galicia.