Saturday 16 de November de 2024

A Xunta lembra que axustou os prezos da venda e renda da vivenda protexida de protección autonómica para impulsar a súa construcción


O sector traslada a súa colaboración á conselleira para tratar de modificar as condicións que fixou o Goberno central nos programas de vivenda dos fondos europeos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladoulle ao presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, que o Goberno galego acaba de revisar os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica en primeira e posteriores transmisións.

A conselleira reuniuse esta tarde con Vázquez Reino, que tamén é presidente da Asociación de Empresarios da Construción da Coruña e que estivo acompañado polos seu homólogos nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. A todos eles lembroulles que ata o de agora os prezos que rexían eran os fixados hai 12 anos, o que dificultaba a construción de vivenda protexida.

Coa actualización, aprobada a semana pasada polo Consello, “preténdese reflexar a suba de prezos das materias primas e os novos requisitos introducidos no código técnico da edificación”, sinalou Ángelez Vázquez, quen salientou que “os axustes están avalados polo Observatorio Galego da Vivenda”.

Por outra banda, a conselleira informou aos representantes da construción sobre as condicións que fixou o Goberno central nos programas de vivenda dos fondos europeos de recuperación económica, sobre as que o sector tamén está de acordo en que se reconsideren e se modifiquen, dado que a súa aplicación será complicada e pouco atractiva para os posibles beneficiarios. Así, trasladaron a súa colaboración á conselleira para tratar de cambiar os prazos e requisitos esixidos.

A modo de conclusión, Ángeles Vázquez trasladou o apoio da Xunta ao sector en todas aquelas cuestións que lle preocupen e recordou que a súa Consellería ten habilitadas varias liñas de axudas para fomentar a rehabilitación de vivenda, que “sen dúbida son tamén un apoio para promover a actividade”, concluíu.