Thursday 21 de November de 2024

A 50 edición da Feira do Libroretomará as presentacións de novidades editoriais e os contacontos


O tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, inaugurará este domingo a cita ás 12.30 horas nun acto en que o xornalista Luis Pousa lerá o pregón

No evento participarán 18 librarías e o 8 editoriais e incluirá máis de cen actividades nas que se seguirán estritas medidas de seguridade

A Feira do Libro da Coruña celebrará este agosto 50 anos de vida cunha nova entrega desde o domingo ata o día 10, na que se retomarán as presentacións de libros e os contacontos. A programación incluirá tamén as sesión de sinaturas, o que sumará máis de cen actividades en total. Na entrega, que leva o título de Libros no camiño, como todas as feiras englobadas dentro deste Xacobeo 21/22, participarán 18 librarías da provincia coruñesa e oito firmas editoriais. Méndez Núñez volverá ser un escaparate para as principais novidades do sector, que terán na cidade a oportunidade de dalas a coñecer da man das súas autoras e autores. A maior feira do libro de Galicia inaugurarase este domingo, ás 12.30 horas, a cargo do tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, e da man do xornalista Luis Pousa, que será o encargado de ler o pregón.

Serán dez xornadas, nas que se darán cita das 11.00 ás 14.00 e das 18.00 ás 22.00 horas (o horario prolongarase ata as 14.30 horas durante a fin de semana) as voces máis destacadas das nosas letras. Desde os coruñeses Manuel Rivas e Yolanda Castaño ata os pontevedreses Ledicia Costas e Manuel Jabois, o público lector poderá departir con todas e todos eles nun evento no que se seguirán de forma estrita as restricións marcadas pola Xunta de Galicia. Deste xeito, diante das casetas sinalizarase con frechas un circuíto unidireccional co fin de garantir a distancia social entre as/os visitantes que deberán levar máscara e disporán de xel hidroalcólico en cada expositor. Ademais, o medio século da feira conmemorarase cun cartel especial realizado polo Concello. Desde o Goberno de Inés Rey, a cultura é unha materia prioritaria e, en concreto, as librarías son as encargadas de lle dar corda ás inquedanzas e á imaxinación da veciñanza, polo que necesitan ter presenza. Despois de lles ofrecer axudas como os bonos PRESCO, que incitaban á poboación a que consumise historias grazas a descontos da metade do importe total, o Concello prepara novas iniciativas de cara a seguir fomentando este hábito.

Na feira, as persoas compradoras obterán unha rebaixa do 10%.

Con este evento, a Federación de Librarías de Galicia conta cun lugar estratéxico no que achegar os distintos xéneros literarios a través dun amplo programa no que participarán David Pintor, Alfredo Conde, Pilar García Negro ou Marilar Aleixandre, entre outras/os, asinando exemplares.