– A inversión nas dúas iniciativas suma 5,4M€, dos que Xunta aporta 2.350.000
– O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, destacou a importancia desta nova para o desenvolvemento sostible do turismo nos dous destinos galegos
– Os novos plans súmanse aos de Santiago de Compostela e da Ribeira Sacra, aprobados no 2020
A Xunta celebra que os Plans de Sustentabilidade Turística de Ourense Termal e da Mariña Lucense foran aprobados hoxe pola Conferencia Sectorial de Turismo. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, destacou a importancia desta nova para o desenvolvemento sostible do turismo nos dous destinos galegos.
A Xunta, na súa aposta polo turismo sostible e de calidade, xa incluíra os dous plans na proposta que fixo chegar este ano á Secretaría de Estado de Turismo, polo que valora de xeito moi positivo que as dúas iniciativas saíran adiante e que se sumen aos plans de Santiago de Compostela e da Ribeira Sacra, aprobados o ano pasado.
Ourense conta cun importante número de concellos ricos en recursos termais, e o turismo termal en Galicia é un dos sectores con máis potencialidade para a recuperación do sector. A comunidade autónoma galega é líder no conxunto do Estado en canto á oferta mineiro-medicinal, con máis dun 20% dos establecementos balnearios de España, e tamén a que conta con máis distintivos de calidade nos establecementos termais.
O proxecto Ourense Termal, desenvolvido pola Deputación Provincial de Ourense é, ademais, unha oportunidade para xerar emprego na provincia, fixar poboación e frear a emigración. O Plan de Sustentabilidade Ourense Termal conta cun orzamento de 3,1 millóns de euros, dos que a Xunta aporta 1.350.000.
O obxectivo de Ourense Termal é xerar competitividade nos municipios termais rurais da provincia, impulsar investimentos e mellorar as infraestruturas, dotacións e captacións termais, así como actuacións encamiñadas ao fomento da innovación, implantación da intelixencia turística e desenvolvemento do produto adaptado ás novas necesidades do usuario do turismo termal.
Polo que respecta ao Plan de Sustentabilidade da Mariña Lucense, o proxecto aposta por un modelo turístico máis competitivo, innovador e participativo, co obxectivo de recuperar a confianza do viaxeiro e fomentar a comarca como destino seguro tralo impacto da crise sanitaria. O proxecto xustifícase na necesidade de poñer en valor os recursos das áreas rurais con potencial turístico e de atraer aos visitantes a un espazo singular con atractivos diferenciados.
Promovido pola Mancomunidade de concellos da Mariña lucense, conta cun orzamento de 2,3 millóns de euros, dos que a Xunta aporta un millón. O plan pon o acento na adaptación dos produtos turísticos á nova realidade, establecendo unha estratexia para a transformación e implantación dun modelo turístico máis competitivo, innovador e participativo baseado no fomento da dixitalización, que reforce a confianza do viaxeiro e fomente a comarca como destino seguro, con actuacións baixo criterios de sustentabilidade, redistribución de fluxos turísticos e de implantación da poboación local no desenvolvemento turístico.
En total, as dúas iniciativas suman unha inxección no turismo galego de 5,4 millóns de euros; 2.350.000 procedentes da Administración autonómica.
Os dous plans aprobados hoxe para Galicia deberán desenvolverse nos vindeiros tres anos. Alfonso Rueda amósase convencido de que, nese tempo, o impacto desta inversión nas comarcas beneficiadas dará resultados moi positivos.