– A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, participaron no acto de presentación da participación de “…e para comer, Lugo” na nova edición de La Vuelta Ciclista a España
– Unha carpa de degustacións de produtos galegos de calidade estará presente na saída das diferentes etapas da proba
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na presentación de La Vuelta 21 Ciclista “… e para comer, Lugo”, a colaboración que a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL) volve facer coa proba ciclista nacional co obxectivo de que a enogastronomía galega, e especialmente da provincia de Lugo, viaxen e se promocionen durante as diferentes etapas de La Vuelta.
Deste xeito, un total de 20 produtos, denominacións de orixe e IXP galegas terán presenza na carpa de degustacións que estará montada na saída das etapas de La Vuelta, que se disputará entre o 14 de agosto e o 5 de setembro, data en que remata coa chegada á Praza do Obradoiro. O stand cos produtos que se van a promocionar en cada unha das etapas da volta incluirá degustacións co obxectivo de seguir achegando a riqueza enogastronómica galega por todo o territorio nacional.
A directora de Turismo de Galicia estivo acompañada no acto de presentación polo delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, polo presidente da APEHL, Cheché Real, e polo director de La Vuelta, Javier Guillén. Todos eles coincidiron en destacar a vinculación entre gastronomía e deporte e a importancia de poñer en valor a riqueza gastronómica galega como un dos recursos turísticos endóxenos máis importantes cos que conta Galicia.
Na súa intervención, Nava Castro, aproveitou para lembrar o regreso desta proba a terras galegas nun ano tan especial coma o do Xacobeo, en que se disputarán as últimas tres etapas en terras galegas, que transcorrerán polos concellos de Monforte, Lugo e Sarria para continuar polas Rías Baixas desde Sanxenxo a Mos pasando por Pontevedra, Redondela e O Porriño, con remate o domingo 5 de setembro en Santiago de Compostela, para chegar como todos os peregrinos á porta da Catedral compostelá.
Tengo en conta esa promoción, a directora de Turismo de Galicia destacou no acto “o grande escaparate de promoción” que supón La Vuelta.
A proba retransmítese a 190 países cun grande impacto desde afeccionados a este deporte, pero tamén a un perfil amplo de familia, polo que este tipo de accións promocionais permiten achegar a diferentes públicos os produtos gastronómicos galegos de calidade.