A Xunta de Goberno aproba o convenio coa Xunta para a construción do centro de saúde de Santa Lucía
A alcaldesa reclama altura de miras á Xunta con respecto ao futuro do porto e pide non entrar en regateos
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou que o Goberno declarou a caducidade da licenza solicitada no seu día para a demolición do antigo concesionario da Citroën no número 43 da avenida de Oza. “Un edificio que temos catalogado e que cremos necesario protexer polas súas calidades”, dixo.
Deste xeito, explicou a alcaldesa, o Concello evita o derrubamento dun ben protexido garantindo a súa permanencia na cidade, na liña coa política de defensa do patrimonio que está a levar a cabo o executivo que preside.
Doutra banda, a alcaldesa subliñou que a Xunta de Goberno Local vén de poñer as bases a “un investimento especial para esta cidade, e en especial para a veciñanza da Falperra, ao aprobar o convenio marco coa Xunta de Galicia para o financiamento das obras do centro de saúde e o mercado de Santa Lucía”.
A alcaldesa explicou que segundo os compromisos adquiridos entre o Concello da Coruña e o Servizo Galego de Saúde, este último asumirá o custo de construción do novo centro de saúde, que contará cunha superficie de 1.323 metros cadrados. O Sergas comprométese tamén a aboar en tres anualidades o custe total de dita obra, comezando co primeiro pago trala redacción do proxecto.
Ademais, o Servizo Galego de Saúde farase cargo do 58% dos gastos de mantemento do edificio, porcentaxe que se corresponde coa superficie total do novo inmoble que será destinada a centro de saúde. Con ese fin, apuntou Rey, o Concello cederá ao Sergas a parte correspondente do inmoble por un período de 30 anos, prorrogable por outros 30.
“A aprobación deste convenio supón darlle luz verde a un proxecto moi demandado polos veciños da Falperra, e supón tamén dar cumprimento ao anunciado no seu día polo meu Goberno, defensor desde o primeiro momento da necesidade dun novo centro de saúde”, sinalou a alcaldesa quen lembrou que o acordo coa Xunta é unha mostra máis dos resultados do diálogo institucional polo que aposta este
Goberno. “Agradezo a interlocución ao conselleiro de Sanidade. Coido que entre o Concello e a Xunta de Galicia faremos realidade un investimento que suporá unha notable mellora na calidade de vida do barrio, e que suporá tamén unha mellora na calidade urbana desa mesma zona”, dixo.
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou tamén a concesión dunha axuda de 150.000 euros á entidade Padre Rubinos para a posta en marcha dun programa de axudas sociais dirixido a persoas en situación de necesidade no municipio e outra axuda de 200.000 euros para a prestación do servizo “Calor e Café” para persoas sen fogar, co fin de que ninguén quede durmindo na rúa.
“Trátase dun reforzo máis ofrecido desde o Concello para axudar a aquelas persoas que peor o están a pasar, e que se vén a sumar aos outros recursos dos que dispón o Concello da Coruña no mesmo eido, desde as Axudas de Emerxencia e a Renda Social ata o incremento dos convenios nominativos coas entidades sociais da cidade”, resaltou a alcaldesa.
Finalmente, o Concello pasará a ser titular de tres estradas cedidas pola Deputación, ata o momento titular das vías. Tratase das estrada de acceso ao sanatorio de Santa Xema en Palavea; da estrada de San Pedro de Visma a Mazaído e, por último, a estrada da Grela á Moura. Dita cesión permitirá ao Concello asumir con medios propios a mellora de ditas vías para mellorar a súa seguridade.
FACHADA MARÍTIMA
Respecto a posición da Xunta sobre o futuro dos peiraos interiores, Rey mostrou a súa satisfacción porque a Xunta “desiste do seu intento inicial de quedar cos peiraos e que acepte negociar baixo a premisa de que ese espazo ten que ser por forza de maioría municipal. Este espazo ten que ser das coruñesas e dos coruñeses, algo que sempre defendín coa nosa proposta”, dixo.
A alcaldesa reiterou unha vez máis que as decisións sobre o porto da Coruña, sobre a fachada marítima e sobre o futuro da cidade téñenas que tomar as e os coruñeses e non se poden despachar en San Caetano.
Rey tamén fixo fincapé no feito de que non lle gustaría que a Xunta tratase agora de converter unha negociación nun regateo. “É importante que a Xunta non sexa gardadora e que teña en conta que as e os coruñeses tamén somos galegos”. E lembrou que cando se construíron os túneles da Mariña gobernaba outro partido, e a Xunta achegou 10 millóns de euros sen entrar en regateos de porcentaxes. Por iso, dixo, esperamos que o goberno galego actúe agora coa mesma altura de miras, “sobre todo porque coa proposta que fixemos desde o Goberno, e que foi moi ben acollida tanto polo Porto como polo Estado, a carga financeira que lle correspondía á Xunta é xa substancialmente menor da que eles propuxeron asumir inicialmente”.