Saturday 16 de November de 2024

Área Central recreará o Camiño Francés en Galicia a través dunha representación con máis de 10.000 pezas Playmobil


A mostra, desenvolta en colaboración coa Asociación Española de Coleccionistas destas figuras, abrirá o próximo 2 de agosto

Área Central envolverase no espírito xacobeo dun modo en grao sumo orixinal. O centro comercial compostelán recreará o Camiño Francés en Galicia a través dunha representación con Playmobil. A mostra, que levará a cabo en colaboración coa Asociación Española de Coleccionistas destas figuras ( Aesclick), contará con máis de 10.000 pezas.
“Con esta iniciativa buscamos achegar, xunto con Aesclick, ás familias, os turistas e especialmente aos peregrinos a unha perspectiva diferente do Camiño de Santiago, así como a historia, cultura e mitos que existen ao redor de el”, indica o xerente de Área Central, Javier Suárez-Vence. “As persoas que se acheguen ao noso centro comercial a partir do luns 2 de agosto poderán deixarse levar pola maxia dos clicks de Playmobil, que lles mostrarán os principais puntos de referencia do itinerario xacobeo máis percorrido, así como outras temáticas relacionadas coas peregrinacións a Compostela”, engade.
O Camiño de Santiago a vista de Playmobil incluirá un diorama de 48 metros cadrados, que se poderá ver na esquina vermella de Área Central. A representación dividirase en tres zonas. A primeira delas, correspondente ao Camiño Francés actual, ocupará un espazo de 18 m2 e representará a súa riqueza cultural, natural, patrimonial, etnográfica e gastronómica. Para iso, poñeranse en valor diferentes elementos como as pallozas de Pedrafita, a elaboración de queixo en Arzúa ou o icónico Monte do Gozo.
Centrada na perspectiva máis histórica atoparase a segunda zona, que representará a Catedral Románica e o Santiago medieval. Cunha dimensión de 12 m2, evocarase o auxe das peregrinacións a Compostela a través da representación da chegada de peregrinos á basílica onde se achaban os restos de Santiago Apóstolo, envoltas do encanto dunha cidade medieval. Nesta área non faltarán as referencias a comerciantes, artesáns, campesiños e relixiosos.
A última zona do diorama, de 6 m2 centrarase na Lenda Xacobea. Así, representaranse distintas escenas relacionadas coa Translación do Apóstolo Santiago desde Xerusalén ata Galicia: a chegada en barca dos restos a Padrón, a Raíña Lupa e os bueyes no Pico Sacro ou o propio descubrimento da tumba.
‘Convidados’ sorpresa
O coordinador desta exposición e representante de Aesclick, Paco Raigón, indica que a mostra ofrecerá “distintas sorpresas, personaxes escondidos que non encaixan de todo na nosa representación do Camiño e que o público poderá xogar a localizar”.
Ademais, e co fin de profundar en Traslatio do Apóstolo Santiago, “desde Aesclick contamos coa colaboración do Arquivo da Catedral de Santiago para os labores de documentación, que nos permiten explicar distintos detalles non tan coñecidos sobre esta lenda e que están presentes no Códice Calixitino. De feito, esta exposición contará cun texto explicativo sobre a tradición xacobea”, concreta Raigón.
Esta orixinal exposición requiriu de cinco meses de traballo. “Para a montaxe, que levará a cabo en dous días, contaremos coa colaboración duns 20 asociados de Aesclick procedentes de distintos puntos de Galicia”, detalla Raigón.
En suma, unha representación que pretende mostrar o Camiño Francés en Galicia desde unha perspectiva diferente e nova que sorprenda ás persoas asistentes. Esta iniciativa súmase a anteriores proxectos desenvolvidos conxuntamente por Área Central e a delegación galega de Aesclick –como a recreación do belén con clicks-, converténdose así o centro comercial no seu principal socio na comunidade autónoma. A exposición está, ademais, apoiada por Turismo da Xunta de Galicia, o Xacobeo 21-22, o Concello de Santiago, o Consorcio de Santiago e o Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago.