Friday 22 de November de 2024

Ata o día 31 de xullo, para inscribirse no concurso Galeguizando TikTok


Unha das actividades impulsadas dende a Concellaría da Normalización Lingüística da Pobra do Caramiñal, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG), para conmemora-lo Día da Patria Galega, no 25 de xullo, consiste no concurso Galeguizando TikTok. Os vídeos deberán estar en galego, ter como temática o Día da Patria Galega e segui-lo formato da app TikTok. As persoas participantes, que deben ter trece anos ou máis, terán que anotarse e face-la entrega do vídeo mediante o enderezo electrónico normalizacion.linguistica@apobra.gal. Os premios serán un lote de produtos culturais galegos e estabelécense un total de 3 distincións valoradas en 100 euros cada unha: ao máis orixinal, ao máis divertido e ao máis creativo.

A data límite para a inscrición estipúlase no día 31 de xullo e, unha vez formalizada, outorgaráselle a cada persoa un código de identificación para pór na súa gravación. O envío das pezas farase antes de remata-lo día 5 de agosto e as gañadoras faranse públicas a partir do día 10 de agosto. As bases están ao dispor na páxina web www.apobra.gal.