Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño reinicia este venres en Santa Mariña do Monte o programa cultural “Á xunta da noite”


O Concello retoma o programa de lecer seguro “Á xunta da noite” que quedara interrompido o ano pasado por causa da repunta da pandemia. A primeira cita do verán 2021 é este venres a partir das 20.00h no adro da igrexa de Santa Mariña do Monte, coa actuación da Escola Municipal de Gaita, do Mago Dani García e dos Regueifeiros de Galicia coa proposta “Regueifando pola Coruña”. Hai 100 localidades dispoñibles baixo carpa no caso de que chovese. Tamén haberá un posto para tomar a bo prezo unha consumición ou petiscar algo á hora da cea. Para asistir fai falla reserva previa chamando ao 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

“Á xunta da noite” naceu o pasado verán como unha proposta alternativa e segura de gozar de distintos espectáculos culturais ao aire libre. Chegou a desenvolverse en Igrexafeita, Ferreira de arriba, o Camiño Arriba e Bardaos… e despois veu a ameaza dunha nova onda da pandemia e o Concello optou por anticiparse a ela interrompendo a programación, aínda co compromiso de volver recuperala cando as circunstancias o permitisen.

A situación en San Sadurniño é máis ou menos estable nestes momentos, cun rango de casos activos notificado polo SERGAS entre 1 e 9, acumulados tanto a 7 como a 14 días, o que nos mantén no nivel de restrición media-baixa. Con todo hai que prestarlle atención á evolución da pandemia e seguir poñendo os medios para mantela á raia, principalmente os relacionados coas interaccións sociais e coa hixiene respiratoria.

O que ten preparado o Concello para o último venres de xullo no adro de Santa Mariña é unha combinación de música, maxia e regueifa que arrancará -coma todos os Á xunta da noite- ás 20.00h. Así, están chamados o grupo de gaitas da escola municipal, o Mago Dani García co espectáculo “10 anos de Don Gelati” e os Regueifeiros de Galicia, que ofrecerán unha fantástica mostra de improvisación tradicional, humor e moita retranca.

O evento desenvolverase seguindo a normativa preventiva e só haberá dispoñibles 100 localidades con reserva obrigatoria a través do teléfono/whatsapp 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Se chove instalarase unha carpa e tamén haberá un posto para consumir ou petiscar algo á hora da cea a prezos populares.

As seguintes citas do Á xunta da noite, para as que xa se poden ir reservando localidades, están dispoñibles no noso Google Calendar e son as seguintes:

Venres 6 de agosto, 20.00h, lugar da Bóla, Naraío (onde se celebra o Festival do Río Castro): As mozas das voltas, Mago Teto, Escola Municipal de Gaita e Escola Municipal de Pandeireta. Se chovese, os espectáculos trasladaríanse á pista polideportiva da Veiga baixo carpa.
Venres 13 de agosto, 20.00h, campo da Capela de Santiago de Silvalonga: Circus Magníficus, Isabel Risco e AC Berros do Castro
Venres 20 de agosto, 20.00h, explanada do Local social da Seara (Ferreira de abaixo): Asociación Cultural Brío, Mago Dani García e Escola Municipal de Pandeireta
Venres 27 de agosto, 20.00h, Área Recreativa de Corrás (San Sadurniño, ao pé da piscina): Escola Municipal de Pandeireta, Home orquestra “Cé Orquestra Pantasma” e Xoán Padín & Compañía.
Parte dos espectáculos programados corren por conta do Concello, mentres que outros están encadrados na Rede Cultural da Deputación da Coruña.