O recital, que se celebra no marco do Xacobeo 21-22, inaugurará as Festas de María Pita
A Orquestra Sinfónica de Galicia homenaxeará ao compositor Astor Piazzola polo seu centenario cun concerto que se celebrará o vindeiro venres 30 ás 22.00 horas, na praza de María Pita. A colaboración do
Concello da Coruña e da Xunta de Galicia fará posible este recital no marco dos eventos de celebración do Xacobeo 21-22. Neste concerto, que será o primeiro da programación das Festas de María Pita, a formación ofreceralle ao público “Piazzola Sinfónico”, un programa dirixido por Juan José García Caffi no que repasará o repertorio do arxentino cando se cumpren cen anos desde o seu nacemento.
Despois dun ano en que a OSG completou a súa tempada de abono no Coliséum, a agrupación orquestral regresará á súa localización habitual no Pazo da Ópera, onde realizará os ensaios para o concerto deste venres.
Este concerto ao aire libre na praza de María Pita responde a unha das demandas das coruñesas e coruñeses de poder desfrutar de novo da OSG e ao obxectivo do
Goberno de Inés Rey de achegar a súa música a todos os públicos. As invitacións para este recital poderán descargarse desde mañá, ás 10.00 horas, a través da páxina corunacultura.sacatuentrada.es.