Friday 22 de November de 2024

A metade dos concellos que se poden rexer por un Plan Básico Municipal xa están a impulsar esta ferramenta


Ángeles Vázquez avanza que no último trimestre se licitarán os traballos de redacción dos nove municipios da segunda quenda, mentres se finalizan os traballos de cartografía das 100.000 hectáreas que suman estes concellos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que a metade dos concellos que se poden rexer por un Plan básico municipal xa están a impulsar esta ferramenta.

A conselleira presentou esta mañá os traballos relativos á segunda fase da tramitación dos plans básicos municipais, co que se obterá a cartografía de 100.000 hectáreas de Alfoz, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo, Dozón e Guntín, onde se desenvolveu o acto de hoxe, coa presenza dos rexedores municipais –agás o de Lobeira, representado pola secretaria- destes nove concellos e dos delegados territoriais de Lugo e Ourense, Javier Arias e Gabriel Alén, respectivamente.

Vázquez Mejuto avanzou que as previsións do Goberno son dispoñer deste material no último trimestre do ano, pois este traballo técnico é imprescindible para poder comezar co redacción dun plan básico municipal. Ademais, anunciou que paralelamente se iniciará, tamén no último trimestre, a licitación destas ferramentas.

Indicou que este camiño xa foi iniciado por Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada, Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira e San Xoán de Río; que tomaron como modelo e exemplo o plan básico do Páramo, redacto e impulsado pola Xunta. Estes concellos da primeira fase xa contan todos coa aprobación inicial.

Deste xeito, resta un grupo de 17 concellos que poderían optar por esta ferramenta para acadar unha ordenación responsable e sustentable do seu termo municipal.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que hoxe o Goberno galego ten unha maior capacidade para axudar e apoiar ás administracións locais no reto de conseguir que ningún concello sen planeamento.

Nese sentido, destacou que grazas á Lei do solo, e o seu Regulamento, así como á figura dos plans básicos municipais -pensado sobre todo para os concellos de menos de 5.000 habitantes-, todos os municipios galegos poden impulsar un instrumento de ordenación, que protexa e poñan en valor a paisaxe, o territorio e o urbanismo.

Por último, trasladou que o urbanismo é unha tarefa que precisa do traballo de todos, por iso a Xunta estará ao lado das administracións locais concedendo axudas para a redacción dun Pxom ou para a elaboración dun plan básico, tal e como fixo con estes 18 concellos; así como prestar o apoio e asesoramento técnico que necesiten.