– Salienta a gran demanda de base territorial dos gandeiros, xa que das máis de 21.000 hectáreas xeolocalizadas, o 94% correspóndese coa demanda do sector bovino
– Recorda que a Estratexia do lácteo, elaborada en consenso co sector, ten como obxectivos consolidar a Comunidade como como un territorio líder en produción láctea, chegando a transformar ata o 75% do leite que se produce en Galicia
– Refírese ás instalacións de Clesa como un exemplo de superación grazas á unión, ao traballo conxunto e ao cooperativismo, no que CLUN desempeñou un papel fundamental para que esta planta multiplicase por dezasete o seu volume de vendas
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso co sector agroalimentario reflectido na Lei de recuperación da terra agraria e na Estratexia do lácteo.
Durante unha visita ás instalacións da fábrica de Clesa, Feijóo subliñou que a nova lei facilita unha caixa de ferramentas para mobilizar terras abandonadas ou en desuso, con instrumentos como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Neste contexto, engadiu que a Xunta está a constatar, a través da Manifestación de Interese de proxectos do sector primario e agroalimentario, a gran demanda de base territorial que teñen os gandeiros galegos. Non en van, das máis de 21.000 hectáreas xeolocalizadas nesta Manifestación, o 94% correspóndese coa demanda do sector bovino.
Nesta mesma liña, recordou que a Estratexia do lácteo, elaborada en consenso co sector, ten como obxectivos consolidar a Comunidade como un territorio líder en produción láctea, chegando a transformar ata o 75% do leite que se produce en Galicia; mellorar a posición dos produtos no mercado nacional, impulsando tamén a internacionalización; e reforzar as relacións entre os axentes da cadea de valor.
Para todo isto, a Xunta seguirá apostando pola captación de investimento industrial e por aumentar o peso das denominacións de orixe de queixo, así como pola profesionalización da industria a través da formación e a innovación.
Así mesmo, afirmou que o Goberno galego seguirá defendendo os intereses dos gandeiros na negociación da futura PAC e impulsando iniciativas como Gandeiros 20_30 -para reforzar a formación empresarial- ou a creación dunha aplicación informática específica para que poidan levar a súa contabilidade e mellorar a xestión das súas explotacións.
E ante o incremento dos custos de produción, no que atinxe á suba da enerxía, Feijóo demandou unha regulación e unha baixada do prezo de forma inmediata; así como un esforzo de todas as cadeas de valor para contemplar uns prezos xustos do leite.
“Continuaremos impulsando a Estratexia do lácteo e aplicando iniciativas de ordenación do territorio e de mobilización de terras, accións para fomentar a transformación do leite e insistindo nos ámbitos da formación, a innovación e o incremento do valor engadido dos nosos produtos”, abundou, referíndose ás instalacións de Clesa como un exemplo de superación grazas á unión, ao traballo conxunto e ao cooperativismo, no que CLUN desempeñou un papel fundamental.
“Esta unión é a que deu forza para recuperar esta marca e que Clesa triplicase o seu número de empregados nos últimos nove anos e multiplicase por dezasete o volume de vendas”, dixo, resaltando que, hoxe, esta planta é unha das primeiras empresas españolas de iogures e todo o seu capital é galego, ademais de exportar a unha decena de países de Sudamérica, África e Asia.