Estes traballos acométense xusto antes da substitución da cuberta e das carpinterías do edificio de Infantil e Primaria, nos que a Xunta investirá 380.000 euros
O Concello de Frades está a investir 10.000 euros de fondos propios na realización de traballos de mantemento e mellora nas instalacións do CPI Ponte Carreira. Uns traballos que rematarán nos próximos días, coincidindo co inicio das obras de substitución da cuberta e das carpinterías do edificio de infantil e primaria, nos que a Xunta de Galicia vai investir outros 380.000 euros.
O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, explica que “estamos a realizar dúas obras que nos pediron tanto as familias como a dirección do centro como son a substitución do portalón da entrada principal ao colexio, que tiña algunhas zonas oxidadas e que será cambiado por un novo e máis grande, de apertura corrediza. Nestes momentos estamos rematando a renovación integral dos aseos de Infantil e despois arranxaremos tamén unha cheminea de saída do sistema de calefacción”.
Uns traballos que teñen lugar mentres non dan comezo as obras da Xunta de Galicia, incluídas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia: os traballos contemplan a substitución da cuberta existente de tella de formigón e fibrocemento por outra cuberta de panel sandwich con dobre chapa lacada e illamento intermedio. Ademais de renovaranse os canlóns existentes, tamén se cambiarán as carpinterías exteriores e persianas e colocarase unha nova carpintería de aluminio, con dobre acristalamento.
Unha actuación que mellorará as condicións térmicas destas antigas instalacións, onde actualmente entraba bastante humidade. A previsión é que os traballos estean listos antes do inicio do curso, para mellorar así o confort tanto do alumnado como do profesorado do CPI Ponte Carreira.