Friday 22 de November de 2024

Outros catro días para facer unha viaxe ao interior da Terra


Xeorrutas pola zona do proxecto do xeoparque os días 30 e 31 de xullo e 1 e 2 de agosto

O principal valor xeolóxico do ámbito do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal é a exclusividade das formacións xeolóxicas que se poden ver nesta zona, como resultado da chamada Oroxenia Varisca que fixo subir á superficie materiais habitualmente ocultos a decenas de quilómetros de profundidade.

Durante esta fin de semana poderemos ver os máis destacados, nalgúns casos únicos no mundo, que veñen refrendar o lema que titula o noso proxecto, “Unha viaxe ao interior da Terra”.

Esa viaxe faise en pequenos itinerarios de dificultade baixa ou media acompañados de explicacións de Fran Canosa, Doutor en Xeoloxía e director científico do proxecto, quen entre o venres e o luns nos comentará os aspectos máis destacados do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, que abrangue desde Os Aguillóns até Moeche.

Ademais incluso teremos ocasións de meternos, literalmente, no interior da terra, aínda que só sexan uns metros.

VENRES 30 DE XULLO

Xeorruta dos Penidos
10:00 – 14:00
San Adrián, Ortigueira
Gratuíta

Nesta parte da serra da Capelada atopamos o maior afloramento de ecloxitas de todo o noso planeta, unhas rochas de récord que se orixinaron a máis de 100 quilómetros de profundidade en condicións de presión extrema e altas temperaturas. Pero tamén se visitará o espectacular Pozo do Inferno e o macizo dos Penidos, un miradoiro natural con fermosas vistas panorámicas sobre a ría de Ortigueira.

Esta xeorruta está organizada polo Concello de Ortigueira. A inscrición pode facerse no 981 974 103 ou a través do seguinte formulario en liña: https://bit.ly/2ZAEaIa

Xeorruta dos cantís
16:30 – 19:30
Cedeira
Gratuíta
Nesta ruta contemplaranse unhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada, descubrindo así unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude. Do mesmo xeito poderanse tocar rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade. O percorrido está organizado polo Concello de Cedeira. Inscricións en liña: https://goo.gl/tctbby

SÁBADO 31 DE XULLO

Xeorruta por Mina Piquito
Moeche
Grupo 1: 10.00-11.50h (prazas dispoñibles)
Grupo 2: 12.00-14.10h (completo)
10€
Trátase dun xacemento de cobre que se explotou até finais dos anos 60 e que hoxe constitúe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Nas galerías aínda hai restos da actividade mineira -vías, trabes, etc.- pero o que máis destacan son as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza. Esta ruta está organizada polo Concello de Moeche e ten un custe de 10 euros. Nela, por cuestións de seguridade, só poderán participar maiores de 11 anos. O de Mina Piquito é o percorrido xeolóxico máis curto de todos cantos se ofrecen este verán. A entrada na mina farase en dous grupos, un a primeira hora da mañá e outro cara ao mediodía. As reservas poden facerse a través deste formulario: https://goo.gl/9oVX8Y

Xeorruta do cromo
16:30 – 20:30
Cedeira
Gratuíta
Nesta ruta percorreranse os cantís máis elevados da Europa continental, unha vista privilexiada para contemplar o litoral entre Teixido e a Punta do Cadro. Unha zona que xeoloxicamente destaca pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie do noso planeta. Asociadas a elas foron descubertas acumulacións de minerais de cromo e platino. Pero esta visita guiada permite ollar tamén a presenza dunha salientable falla que corta toda a Serra da Capelada.

Esta é outra das rutas organizadas polo Concello de Cedeira que adoitan completarse rapidamente, polo que cómpre apurar a facer a reserva neste formulario: https://goo.gl/xmgeSb

DOMINGO 1 DE AGOSTO

Xeorruta das Praias Negras
10:00 – 16:00
Teixidelo, Cedeira
Prazas cubertas, inscrición en lista de agarda

Esta ruta xeolóxica incluída na programación do Concello de Cedeira permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. Pero, sen dúbida, o emprazamento desta praia de Teixidelo -aos pés dos cantís máis altos da Europa continental- fan desta zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes. Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar.

Prazas cubertas!!!, aínda que é posible inscribirse na lista de agarda por se se producisen baixas. Hai que facelo en liña neste formulario https://goo.gl/6d3qJ0

Xeorruta marítima
17:00 – 19:00
Peirao vello de Cedeira (ao pé da Cruz Vermella)
50€

Ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión. As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. Prezo: 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar.

LUNS 2 DE AGOSTO

Xeorruta dos Aguillóns
10:00 – 14:00
Cariño
Gratuíta

Nesta xeorruta organizada polo Concello de Cariño coñecerase de primeira man a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta. Unhas rochas moi singulares, formadas a moitos quilómetros de profundidade. Pero tamén haberá tempo para descubrir as formacións xeolóxicas que aparecen en San Xiao do Trebo, orixinadas neste caso pola fusión doutras rochas.

As inscricións hai que facelas a través deste formulario en liña: https://bit.ly/3dm2ohg